Noticias

A Deputación inviste máis de medio millón de euros na reposición do firme na EP-2204 Sabarís-Belesar, no concello de Baiona

Os traballos desenvolveranse ao longo dos 6,3 quilómetros desta estrada, na que tamén se instalarán redutores de velocidade para o acougado do tráfico e se renovará a sinalización


13 decembro 2020
Xunta de Goberno 11-12-2020

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra ven de aprobar o proxecto para acometer a reposición do firme nos 6,3 quilómetros da EP-2204 Sabarís-Belesar, no termo municipal de Baiona, no que a institución provincial investirá un orzamento de 541.310 euros. Estes traballos enmárcanse no modelo de mobilidade que desenvolve a Deputación, co obxectivo de garantir a accesibilidade e a seguridade viaria no conxunto da rede de estradas provinciais.

Máis polo miúdo, o proxecto ten por obxecto realizar reposicións do firme na totalidade da estrada, así como a execución de redutores de velocidade de vehículos para o acougado do tráfico. Así mesmo, contempla tamén a modificación da sinalización vertical existente, así como a renovación da sinalización horizontal.

No que atinxe ao aglomerado do viario, realizaranse saneos nun tramo de 1.500 metros da estrada e renovarase a capa de rodadura nun área de 34.500 metros cadrados. Desta superficie, en 13.500 metros executarase previamente un tratamento superficial e nos outros 21.000 acometerase o fresado.