Noticias

Medio centenar de persoas de Ponteareas, Vigo e Caldas de Reis participarán en obradoiros de "Depo en marcha"

O programa da Deputación de Pontevedra permite a persoas maiores da provincia adquirir coñecementos, entre outros, de informática ou hábitos saudables


04 novembro 2017
Depo en Marcha

Os concellos de Ponteareas, Vigo e Caldas de Reis súmanse esta próxima semana a unha nova entrega dos obradoiros do programa "Depo en marcha 2017" da Deputación de Pontevedra. Con esta iniciativa, a institución provincial pretende fomentar o envellecemento activo a través de obradoiros formativos.

O martes 7 de novembro comeza unha acción formativa para 15 persoas da Asociación Adapta: Persoas con diversidade funcional do Condado e da Paradanta na que recibirán formación sobre novas tecnoloxías. Máis polo miúdo, as persoas integrantes da asociación participarán no obradoiro titulado "Internet, o correo electrónico e o manexo do teléfono móbil" ata o 26 de decembro.

O mércores 8 de novembro, preto dunha vintena de persoas da Asociación Veciñal Cristo da Vitoria de Vigo comezarán formación sobre novas tecnoloxías. O curso, titulado "Internet, o correo electrónico e o manexo do teléfono móbil" estenderase desde o 8 de novembro ata o 20 de decembro.

Pola súa banda, tamén ese mesmo día, 8 de novembro, comezará un novo obradoiro. En concreto, 16 persoas da Asociación de xubilados e pensionistas de Caldas de Reis participarán dende o mércores e ata o 27 de decembro no curso "Plantas medicinais".

A Deputación de Pontevedra pon en marcha este programa de fomento do envellecemento activo a través de actividades encaixadas en diversas temáticas e que conta cun orzamento de 120.000 euros. Con "Depo en marcha 2017", a institución provincial busca mellorar a calidade de vida das persoas maiores da provincia de Pontevedra, establecendo relacións sociais e favorecendo a participación en actividades que melloren o seu estado anímico, potenciando movementos de participación e cooperación social, promovendo espazos de encontro e tamén o intercambio de experiencias.

As 8 alternativas de obradoiros que se impartirán nesta ocasión serán "Traballando coas mans": arte con flores, cestería, elaboración de xabóns, iniciación ao encaixe de palillos, restauración de mobles e tapicería e traballos manuais; "Entre fogóns": cociña galega, conservas artesanais, licores caseiros, panadería e repostería e tapiñas e petiscos; "Aprendendo da natureza": plantas medicinais; "Móvete": pilates, ioga, ximnasia de mantemento e zumba; "Activando corpo e mente": conservando a memoria, musicoterapia, risoterapia e control e manexo da ansiedade e o estrés; "Enredando": xogos tradicionais e teatro; "Dálle marcha": bailes de salón, pandeireta e canto popular; e, por último, "En rede": Internet, correo electrónico e manexo do móbil, informática de iniciación e Informática avanzada.

As actividades terán lugar nun total de 45 concellos da provincia: Agolada, Arbo, Barro, Baiona, Bueu, Caldas de Reis, Cambados, Cangas, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Cuntis, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Gondomar, O Grove, A Guarda, A Illa de Arousa, Lalín, Marín, Meaño, Moaña, Moraña, Mondariz, Mos, Nigrán, Pazos de Borbén, Poio, Ponteareas, Ponte Caldelas, Pontevedra, O Porriño, Redondela, Ribadumia, O Rosal, Salceda de Caselas, Sanxenxo, Silleda, Soutomaior, Tomiño, Tui, Valga, Vigo, Vilagarcía de Arousa e Vilanova de Arousa.


Novas relacionadas