Noticias

Marín avanza na renovación do campo de fútbol de San Pedro, na Raña, gracias a achega de máis de 310.000 euros da Deputación de Pontevedra

As obras permiten a dotación dunha superficie de herba sintética de cuarta xeración


27 agosto 2021
Campo de futbol de Marín

Marín completará a ansiada renovación do campo de fútbol de San Pedro, na Raña, gracias a colaboración da Deputación a través do Plan Concellos. Unha achega de 310.283 euros está a financiar as actuacións para a substitución completa do terreo de xogo dun dos centros neurálxicos da actividade deportiva do municipio. O deputado de Cooperación, Santos Héctor, visitou hoxe as obras acompañado da alcaldesa, María Ramallo, e comprobou os resultados, xa visibles, de modernización da instalación deportiva.

Os traballos, que se atopan nun estado moi avanzado, optimizarán a práctica de fútbol 11 e tamén permitirán a celebración de dous partidos simultáneos de fútbol 7. Dáse a circunstancia de que as porterías desta última novidade son pregables. Con esta obra, Marín dá satisfacción a unha vella demanda de colectivos deportivos e sociais, pois a anterior superficie acumulaba 10 anos de uso e presentaba desgaste.

As dimensións totais do terreo son de 104,5 x 63,94 metros. O céspede artificial será de fibras bicolor cun espesor de 240 micras e unha altura de 45mm. O novo céspede, de cuarta xeración, cumpre con todos os requisitos de homologación FIFA e normas UNE. Será resistente aos raios ultravioleta e estará lastrado con area de sílice e caucho e dotado dun moderno sistema de rego automático.

A obra incluíu tamén a demolición da grada descuberta para substituíla por un muro de peche de formigón. Deste xeito resolveuse a diferencia de cota ca parcela adxacente. A superficie que se gaña será recuberta con céspede artificial e funcionará como espazo para quecemento durante os partidos.

O campo municipal de San Pedro é utilizado habitualmente polo Marín Club de Fútbol e, ademais, prestaba servizo antes da pandemia a unhas 250 persoas deportistas tanto de fútbol como de atletismo. Agora, cun aspecto máis moderno e con maior funcionalidade mellorará as súas prestacións.

A Deputación leva investidos máis de 9,3 millóns de euros en Marín desde o ano 2015. Ao abeiro do Plan Concellos, o Concello puido executar preto de 40 obras para a mellora dos servizos municipais, entre elas a reforma do pavillón municipal da Raña, con 200.000 euros. Este mesmo ano, Marín está a executar a rehabilitación do pavimento de camiños rurais (valorada en máis de 200.000 euros) e a humanización e renovación de vías en Pedreiras (máis de 200.000 euros), a urbanización da travesía República Argentina (256.407 euros) e a rehabilitación do depósito de auga da Costa (159.867 euros). A maiores, tamén con financiamento da Deputación leva contratados a 103 persoas traballadoras para a prestación temporal de servizos municipais.

Fotos