Noticias

Instalan os marcos prefabricados de formigón para estabilizar a estrada provincial Valga-Martores

O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, explica que as pezas permitirán que o rego que pasa baixo a vía desaugue e que o taboleiro da estrada sexa firme


08 abril 2019
Instalan os marcos prefabricados de formigón para estabilizar a estrada provincial Valga-Martores

O Departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra está a colocar estes días os marcos prefabricados de formigón armado para estabilizar a estrada provincial EP-8501 Valga-Martores, no Concello de Valga. O deputado de Mobilidade, Uxío Benítez, explica que os traballos precisaron dunha grúa de grandes dimensións dado o grande tamaño das construcións (de 4x1,5x1,5), que agora permitirán o paso do rego ao río Valga que pasa baixo a vía provincial, cunha drenaxe que aumentará a capacidade do regato e que aportará firmeza e equilibrio á estrada para o tránsito de vehículos.

As obras durarán uns tres meses se non se producen complicacións, e son responsabilidade da empresa ‘Excavaciones y Construcciones Pérez Portela S. L.', que resultou adxudicataria da actuación ao presentar unha oferta de 110.619,66 euros. O paso do rego, situado no punto quilométrico 0+300, facíase ata o de agora a través dun bueiro e muros de pedra en mal estado que quedaran sen reformar cando se fixo a reurbanización da estrada.

Instalaranse servizos, darase máis sección á plataforma, construiranse beirarrúas e pavimentarase a calzada coa súa correspondente sinalización horizontal. Tamén se instalaran varandas de aceiro galvanizado e lacado a ambos lados da estrada, xusto por riba do paso do regato. Para dar continuidade á vía e resolver o problema da auga será preciso modificar lixeiramente a traza da estrada e afectar a 200 metros cadrados dunha propiedade particular.