Noticias

Luz verde ao esperado proxecto de humanización da avenida Castelao na Illa de Arousa

A Xunta de Goberno aprobou esta ambiciosa actuación, que agora sairá a licitación cun orzamento de 1,2 millóns de euros


05 setembro 2021
Luz verde ao proxecto de humanización da avenida Castelao na Illa

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar o proxecto de urbanización e recuperación de espazos e mellora da mobilidade peonil na Avenida Castelao, un dos proxectos máis ambiciosos e esperados na Illa de Arousa amais de moi demandado pola veciñanza. O orzamento ascende a preto de 1,2 millóns de euros, dos que a Deputación asume máis de 810.000 € (70%) e o Concello preto de 350.000 € (30%).

A presidenta provincial, Carmela Silva, destacou que con esta aprobación, o proxecto está xa listo para saír a licitación. A actuación suporá mudar por completo unha das principais rúas da Illa para humanizala, apostando pola mobilidade peonil e segura e, á vez, mellorar o medio ambiente ao reducir as emisións de CO2 cunha iluminación eficiente.

Esta rúa en pleno centro urbano  da Illa ten dous carrís, zona de estacionamento e beirarrúas e dedica a maior parte do espazo ao uso de vehículos a pesar de ser moi frecuentada polas persoas. Coa reforma proxectada, garantirase a accesibilidade universal na totalidade da vía, con itinerarios peonís continuos e libres e con plataforma única sobreelevada de prioridade peonil. Tamén se deseñará unha vía de única dirección, instalaranse sistemas de calmado de tráfico para incrementar a seguranza viaria (velocidade máxima 20 km/h), e habilitarase un aparcadoiro con 18 prazas, amais da dotación dunha nova rede de alumeado público LED de alto rendemento. A avenida contará tamén con mobiliario urbano, xardineiras e árbores.