Noticias

Esgotadas as prazas para a charla que organizan este sábado Deputación e CSIC no xacemento de Castrolandín en Cuntis

A gran demanda para asistir a este evento, de capacidade limitada, obrigou a desdobrar a actividade cunha segunda quenda desta conferencia co arqueólogo Carlos Otero


16 abril 2021
Charlas sobre arqueoloxía

A charla aberta á cidadanía e in situ no xacemento de Castrolandín en Cuntis que a Deputación de Pontevedra e o Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) organizan este sábado 17 de abril ten levantado unha gran expectación, ata o punto de que se esgotaron todas as prazas dispoñibles e a gran demanda suscitada obrigou a desdobrar a actividade en dúas quendas, que terán lugar, ás 12 e ás 13 horas, con 15 persoas asistentes en cada unha delas. A actividade estará conducida polo arqueólogo Carlos Otero e versará sobre "As persoas habitantes de Castrolandín".

Esta charla enmárcase no convenio que desenvolven a institución provincial e o Centro Superior de Investigacións Científicas (CSIC) para a investigación e posta en valor como recurso turístico dos distintos xacementos arqueolóxicos da provincia. Dentro das actividades que engloba este convenio, figuran precisamente traballos arqueolóxicos no citado xacemento de Castrolandín que están a ser dirixidos por Carlos Otero e que arrancaron esta semana. O arqueólogo é colaborador do INCIPIT (Instituto de Ciencias do Patrimonio) e conta cunha ampla experiencia na dirección de importantes actuacións en xacementos na provincia, entre elas a última escavación que se realizara en Castrolandín. Ademais é investigador e ten realizado publicacións en revistas científicas sobre arqueoloxía en Galicia e Guinea Ecuatorial.

En concreto, en Castrolandín o experto está a dirixir na actualidade pequenas sondaxes valorativas para a caracterización da estratigrafía en diversas localizacións, para a avaliación do potencial dos seus diferentes sectores en función dos resultados das tarefas realizadas. As actividades inclúen a documentación do espazo e un área dun quilómetro cadrado ao redor de cada unha dos sitios analizados, mediante unha combinación de imaxe visible e multiespectral de alta resolución tomada con sensores a bordo de drons. E abordarase a prospección superficial e xeofísica (magnetometría) do interior das zonas estudadas e da contorna para a identificación de posibles elementos enterrados.

Os traballos inclúen así mesmo a caracterización detallada da morfoloxía dos sitios e o seu contorno mediante levantamento topográfico de alta resolución (escaneo 3D e/o fotogrametría) no xacemento. Estas actividades en Cuntis terán a súa continuidade proximamente nos xacementos de Montaz e Bendoiro.

A través do convenio co CSIC, a Deputación desenvolverá outras actividades como un curso sobre Fluorescencia de Raios X destinado a profesionais do sector que se desenvolverá no pazo de Liñares no mes de maio. Así mesmo,  dentro da Semana Internacional da Arqueología terá lugar o día de 28 de xullo unha xornada de portas abertas no Centro de Xestión Arqueolóxica de Liñares, onde ademais de coñecer o laboratorio e os procesos de traballo que alí se realizan, as persoas visitantes poderán ver os materiais investigados.