Noticias

Cuntis contará esta fin de semana co material das campañas de igualdade da Deputación para a Festa da Castaña

A institución provincial achegará adhesivos cos lemas "Conta comigo. Eu respéctote", "Lembra, eu decido, ti respecta" e guías para mozos e mozas


09 novembro 2018
Festa da Castaña

A Deputación de Pontevedra, a través do Servizo de Igualdade, está a colaborar co Concello de Cuntis poñendo á súa disposición o material das campañas de "Conta comigo. Eu respéctote" e "Lembra, eu decido, ti respectas" para difundilo no punto lila da Festa da Castaña. A institución provincial achegará ao evento, que terá lugar na praza da Constitución de Cuntis este sábado 10 de novembro, adhesivos cos lemas das campañas e guías para mozos e mozas.

O material destas dúas campañas dos #RíasBaixasFests, que pode ser utilizado por todos os concellos que así o soliciten á Deputación, xa chegou a festivais e festas patronais de Poio, Cangas, Ponte Caldelas, Lalín, Vilaboa e O Grove desde o verán. Esta exitosa iniciativa púxose en marcha co obxectivo de concienciar en igualdade ás e aos asistentes dos festivais da Deputación.

"Lembra, eu decido, ti respectas" iniciouse o pasado verán e vai dirixida tanto a mozos como a mozas. Con ela repártese material explicativo no que se mostra con claridade os límites nas relacións e danse a coñecer este tipo de agresións facendo fincapé en que son un delito e que a culpa nunca é da vítima. Pola súa banda, a campaña "Conta Comigo. Eu respéctote" foi a gran novidade deste verán e está especialmente dirixida aos mozos. Con ela preténdese que amosen o seu rexeitamento ante este tipo de condutas, non sexan cómplices e se sitúen claramente fronte aos agresores.

Estas campañas de igualdade da Deputación de Pontevedra, cuxo material está agora dispoñible para os concellos, atenderon a máis de 8.000 persoas durante os #RíasBaixasFests.