Noticias

Comezan as obras de mellora da seguridade viaria na estrada EP-5003 A Cañiza-Arbo

A actuación da Deputación na estrada provincial inclúe a reordenación da explanada nas inmediacións do colexio de Valeixe (A Cañiza) para dotar de maior seguridade a zona


05 marzo 2020

A Deputación de Pontevedra comezará o vindeiro luns 9 de marzo as obras de reposición do firme e de mellora da seguridade viaria na estrada provincial EP-5003, que transcorre polos termos municipais da Cañiza e Arbo e ten unha lonxitude total de 12,3 quilómetros. En total, o ente provincial investirá nesta acción 823.219,85 euros. Entre as actuacións que se levarán a cabo destaca a reordenación da explanada nas inmediacións do colexio de Valeixe, na Cañiza.

Máis polo miúdo, os traballos que se realizarán na EP-5003 consistirán no fresado e a reposición de firme en varios treitos que constitúen a maior parte da estrada, e un dos tramos cubrirase cunha capa de microaglomerado en frío. Por outra banda, revisarase a sinalización vertical de velocidade, elevaranse varios dos pasos peonís existentes e estreitaranse os carrís na proximidade destes pasos coa finalidade de calmar o tráfico.

Ademais, reordenarase a explanada existente nas inmediacións do colexio de Valeixe, no concello da Cañiza, para mellorar a seguridade da zona. Con este fin configuraranse unha senda peonil, unha zona de estacionamento de coches e outra para autobuses; e executarase unha beirarrúa na entrada do centro, que permitirá acceder a un dos pasos peonís sobreelevados e proporcionará unha maior seguridade á entrada e á saída do colexio. Tamén se fará unha redistribución dos espazos desde o colexio e ata o punto quilométrico 8+975, deixando carrís de tres metros de anchura e unha beiravía esquerda dun metro, de xeito que quede unha senda pola marxe dereita para favorecer o tránsito peonil.

Este proxecto forma parte dun paquete de diversas melloras nas estradas provinciais en cinco concellos (A Cañiza, Arbo, A Guarda, A Lama e O Grove) que a Deputación aprobou o pasado ano por un importe global de dous millóns de euros. Os traballos que se van acometer van destinados a consolidar o modelo de estradas que ten en marcha a institución provincial para mellorar a seguridade viaria e a mobilidade peonil e recuperar os espazos públicos para a cidadanía.