Noticias

A Deputación a piques de rematar na Cañiza o acondicionamento da EP 5005 fronte ao cemiterio e o campo de fútbol do Vieiro

O proxecto supón a reposición do firme e a reordenación de tódolos espazos para optimizar aparcamento e mellorar a seguridade do tránsito peonil


14 novembro 2020
acondicionamento da EP 5005

O concello da Cañiza está a poucos días de poder desfrutar do novo estado da estrada provincial EP5005 A Cañiza-Pousa, na zona do enlace da autovía e na recta de saída da vila en dirección ao municipio de Crecente. A Deputación de Pontevedra está a piques de rematar a actuación de acondicionamento do viario coa reposición do firme e a reordenación de espazos, un proxecto de mellora que contou cun orzamento de preto de 100.000 euros (94.425€), e que estará rematado en apenas unhas semanas.

Trátase dun tramo de 400 metros desta estrada provincial, un treito cun intenso tráfico, tanto de tránsito de paso como local, ao coincidir co campo de fútbol do Vieiro e o cemiterio municipal. Os traballos supuxeron o fresado e reposición do firme entre a saída da A52 e a rotonda do punto quilométrico 1+100, amais da reordenación dos sobreanchos existentes á beira do cemiterio e do campo de fútbol, de xeito que se deixa unha banda de aparcamento en liña e unha zona peonil a fin de mellorar a seguridade das persoas. No caso do sobreancho existente á beira do cemiterio, que se atopa na marxe dereita da estrada, a zona peonil execútase en formigón, e no caso do sobreancho existente á beira do campo de fútbol, que se atopa na marxe esquerda, a zona peonil realízase en aglomerado. Estes últimos traballos xa están rematados.

O proxecto enmárcase no modelo de mobilidade segura e sostible que a Deputación de Pontevedra está a aplicar en toda a rede viaria provincial, un modelo do século XXI, baseado na seguridade viaria e na aposta polas persoas e pola sustentabilidade.