Noticias

A Deputación tingue de verde desde esta noite o Pazo provincial con motivo do Día Internacional da Xordocegueira

A institución provincial súmase aos actos do Día Internacional das Persoas Xordocegas, que se conmemora mañá xoves en honor ao nacemento da intelectual e activista Helen Keller


26 xuño 2019
Iluminación verde pazo provincial

A Deputación de Pontevedra conmemorará o Día Internacional da Xordocegueira iluminando de verde o Pazo provincial desde as 22:30 h deste mércores 26 de xuño ata a mañá do venres 28. Así, a institución provincial súmase á iniciativa promovida por XOGA (Organización de Discapacidade Sensorial de Galicia) e cuxo obxectivo é visibilizar as persoas xordocegas, que en España son arredor de 6.000.

O Día Internacional da Xordocegueira conmemora o nacemento de Helen Keller, destacada intelectual e activista dos dereitos das persoas con diversidade sensorial. Keller deu a coñecer internacionalmente a xordocegueira e demostrou a importancia de dispoñer de profesionais que proporcionen o soporte comunicativo e asistencial indicado para as persoas xordocegas.

A Declaración das Necesidades Básicas das Persoas Xordocegas (Estocolmo, 1989) estableceu, durante a IV Conferencia Mundial Hellen Keller, que a xordocegueira non é unha cegueira con xordeira adicional nin tampouco xordeira con cegueira adicional senón que é unha diversidade sensorial diferente que exixe servizos especializados. Esta declaración tamén marca o propósito de divulgar e concienciar a todos os medios de comunicación do mundo sobre a existencia da xordocegueira e os problemas que expón.

Durante estes días tamén ten lugar a Semana Internacional da Xordocegueira. A través dela a Deputación de Pontevedra colabora con XOGA para a organización de "A Santiago pola Xordocegueira", actividade que ofrece a posibilidade de realizar os últimos 100 km do Camiño Portugués pola Costa.