Noticias

A Deputación pon en marcha as obras para transformar a estrada que comunica Noalla coa praia da Lanzada nun itinerario peonil seguro

Cun investimento de preto de 800.000 euros construiranse tres plataformas elevadas de convivencia e unha senda peonil de tres metros de anchura


17 xaneiro 2022
Noalla coa praia da Lanzada

Camiñar entre o núcleo de Noalla e a praia da Lanzada, nunha das contornas máis turísticas de toda Galicia, será unha actividade moito máis segura este verán gracias ás obras de transformación da estrada provincial EP-9212 que a Deputación vén de poñer en marcha. A actuación, cun orzamento de execución de 771.980 euros, vén de comezar e conta cun prazo de execución estimado en seis meses. Os deputados de Infraestruturas, Gregorio Agís, e o de Cooperación, Santos Héctor, visitaron a zona acompañados da tenente de alcalde, María Deza.

As obras son froito do convenio asinado entre a Deputación e o Concello de Sanxenxo. A institución provincial asume o 70% da actuación e o Concello corre co 30% restante, dado que trátase dunha obra que inclúe servizos municipais. A achega municipal finánciase a través do Plan Concellos da propia Deputación. Durante a visita, que comezou no pazo de Quintáns, fíxose un repaso aos 1.224 metros desta ambiciosa actuación que arranca na zona da igrexa de Santo Estevo e chega ata o acceso á praia da Lanzada, conectando coas beirarrúas existentes na estrada autonómica. Queda así perfectamente conectada a mobilidade peonil dende o núcleo de Noalla ata o emblemático areal nun itinerario polo que transitan numerosas persoas, especialmente durante o verán, e no que existen varios establecementos hoteleiros e hostaleiros.

Sete tramos

O proxecto divide a estrada en sete tramos diferenciados e vaise adaptándose ás necesidades de cada un deles. Baséase na execución dunha senda peonil de tres metros de ancho ao longo da marxe dereita da estrada, que se ve reforzada nos tres ámbitos con maior densidade poboacional e con edificacións apegadas, onde non é posible gañar anchura, coa habilitación de tres plataformas elevadas de convivencia nas que as persoas que camiñan terán prioridade sobre os vehículos. A obra inclúe tamén o reforzo do actual pavimento asfáltico da estrada e a renovación de toda a sinalización horizontal e vertical.

Do PQ o+ooo ao PQ 0+053 está prevista a construción da senda pola marxe dereita, que irá variando de anchura para aproveitar todo o espazo dispoñible apegándose aos peches das fincas e propiedades. Entre o PQ 0+053 e o PQ 0+095 sitúase a primeira plataforma de convivencia dado que as vivendas existentes non permiten gañar anchura para a senda. Estará elevada 10 centímetros sobre o asfalto e resolverase en formigón coloreado. A partir do PQ 0+095 e ata o PQ 0+204 volverá executarse a senda peonil de tres metros de anchura. Entre o PQ 0+204 e o PQ 0+277 executarase a segunda plataforma elevada e actuacións de integración patrimonial do pazo de Quintáns. Así se pretende a restauración do lousado orixinal de granito, xunto coa recuperación da cuneta perimetral do muro de peche do pazo. O encontro entre o pavimento de formigón da plataforma elevada e os pavimentos de pedra resolverase cun bordo de pedra das mesmas características. Tamén quedarán integrados tódolos elementos e canles de drenaxe con esta contorna. O tramo entre o PQ 0+277 e o PQ 0+365 volve contar con senda peonil de tres metros de anchura. A partir do PQ 0+365 e ata o PQ 0+440 situarase a terceira e última das plataformas elevadas ao coincidir tamén cunha zona de alta presión residencial con vivendas apegadas á calzada. Finalmente, o tramo entre o PQ 0+440 e o remate da actuación, no PQ 0+1224, contará con senda peonil de tres metros ata enlazar coas beirarrúas existentes na estrada autonómica PO-308. Neste último sector sitúanse catro pasos de peóns sobreelevados para garantir a permeabilidade entre ambas marxes da estrada para as persoas que camiñan en dirección á praia da Lanzada. O proxecto contempla que tódolos tramos de senda peonil quedaán separados por marcas viais, "captafaros" reflectantes e separadores tipo cebra.

A nova estrada provincial EP-9212 seguirá o modelo de mobilidade segura que a Deputación está a implantar na rede provincial de estradas, dando prioridade ás persoas que camiñan ou con mobilidade reducida, en segundo lugar ás que circulan en bicicleta e, a continuación, aos vehículos de transporte público e os de transporte privado. O obxectivo é transformar as vías de comunicación en espazos seguros, equitativos e que fomenten a mobilidade universal.

A Deputación leva investidos máis de 14 millóns de euros en Sanxenxo dende que en 2015 se produciu o cambio no goberno provincial. Neste tempo, realizáronse dúas grandes obras nas infraestruturas viarias, como a gran transformación da avenida Luís Rocafort, cun investimento de 1.650.759 euros, e a mellora da seguridade viaria na EP-9213 A Granxa-Dorrón, con 331.863 euros. A aposta pola seguridade viaria pasou tamén pola construción de 51 elementos redutores de velocidade e de 29 pasos de peóns sobreelevados nas estradas provinciais.