Noticias

A Deputación de Pontevedra presenta as actividades culturais do Ano Castelao nos concellos

Por primeira vez, a través do ente provincial, todos os concellos da provincia contarán con actividades culturais


07 mar 2016

O deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, presenta mañá as actividades culturais do Ano Castelao que se realizarán nos concellos da provincia. Un programa de exposicións, concertos e obradoiros que chegará, por primeira vez, aos 62 concellos da provincia de Pontevedra, co obxecto de contribuír e complementar as súas programacións culturais e chegar a toda a poboación da provincia.    

As actividades céntranse nas disciplinas artísticas que desenvolveu Castelao, como son o humor gráfico, o patrimonio, a tradición oral e o mundo da infancia e a emigración. Esta programación contempla, ademais, un esforzo por programar actividades accesibles, para o que incorpora audioguías e signoguías, cuxa realización se fai a través dunha colaboración coa Organización de Xordos de Galicia (XOGA). Especial atención merece tamén a infancia, con espectáculos e contacontos infantís, obradoiros e unha app educativa para que os máis novos e novas poidan construír contidos e aprender xogando.

Na presentación o deputado provincial de Cultura e Lingua, Xosé Leal, estará acompañado pola presidenta de XOGA, M.ª Jesús Monterde García, que explicará a colaboración entre a súa organización e a Deputación para dotar de contidos accesibles parte das actividades e dará conta do signo escollido para designar a Castelao. Tamén participará Toño Escudero, socio da empresa que colabora coa app educativa; a actriz Beatriz Campos, que explicará as actividades infantís; e o músico Luis Caruncho, que interpretará un cantar de cego dos que se inclúen na programación.

A presentación terá lugar nunha rolda de prensa, ás 12:00h, no Pazo provincial, na recepción do primeiro andar, diante de Vicepresidencia.


Novas relacionadas