Noticias

A Deputación construirá unha nova senda peonil e mellorará o firme de 2,2 quilómetros na estrada provincial EP-2703 Pazos-Ponteareas

O orzamento global da actuación, que pretende aumentar a seguranza viaria, rolda os 780.000 euros


06 xullo 2018
Presentación senda peonil Ponteareas

O Departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra presentou hoxe en Ponteareas o deseño definitivo para mellorar a estrada provincial EP-2703 Pazos-Ponteareas no lugar de Ribadetea. Así o anunciou hoxe o deputado Uxío Benítez ao alcalde Xosé Represas e á veciñanza da zona nun encontro no que explicou que a intención principal é mellorar a seguranza viaria para as e os peóns, polo que se construirá unha nova senda peonil, se instalarán elementos de calmado de tráfico e zonas de convivencia, e se mellorará o firme dun treito da vía.

Segundo apuntou Benítez, o proxecto para a estrada provincial está pechado e ten un orzamento que rolda os 780.000 euros. A actuación, dixo, consiste na construción dunha nova senda peonil entre os puntos quilométricos 12+475 e 13+045, onde se ampliará a sección: habilitaranse dous carrís de tres metros de largo contando coas beiravías para o tráfico rodado e unha senda peonil de 2,5 metros de largo de pavimento coloreado pola marxe dereita, que estará separada da zona de vehículos por unha franxa con elementos separadores de PVC de 40 centímetros.

Tamén se construirán –dixo o deputado– zonas de convivencia sobreelevadas deseñadas como ‘zonas 30' nos treitos da estrada nos que non hai suficiente espazo para manter segregados os tránsitos. Nestes espazos haberá unha plataforma na que a prioridade será para as e os peóns, e na que unicamente se pintarán marcas viarias na marxe como guía para a circulación. O firme será uniforme, sen distinción de zonas, e estará formado por unha mestura de cor que destacará que se trata dun treito de coexistencia con prioridade peonil.

Por outra banda, segundo apuntou Benítez, reforzarase o firme de toda a zona, instalaranse sistemas de calmado de tráfico mediante sinalización e execución de redutores de velocidade, unha nova drenaxe soterrada para as augas de chuvia e nova sinalización vertical e horizontal en todo o treito.

A maiores, e dado o mal estado do firme, nos treitos anteriores e posteriores ao lugar do Souto tamén se contempla unha actuación de reforzo do firme entre os puntos quilométricos 11+300 e 13+500, o que supón unha lonxitude de 2.200 metros totais, conectando construcións relixiosas, educativas e culturais.

Todas estas cuestións foron puntualmente detalladas no encontro, ao que tamén asistiu persoal técnico da Deputación, que mostrou un plano de grande tamaño para localizar todos os elementos da nova obra. O obxectivo do proxecto, insistiu Benítez, é potenciar e dinamizar unha contorna que actualmente presenta unha carencia de mobilidade peonil segura, non cumprindo coas funcións básicas que debe reunir unha vía de conexión, tendo en conta que se trata dunha marxe moi transitada pola veciñanza. "Queremos poñer en valor ás e aos peóns e a mellor forma de facelo é habilitar un itinerario peonil comprensible, utilizable e practicable por todas as persoas en condicións de comodidade e seguridade", destacou.

Pola súa banda, o alcalde de Ponteareas manifestou o seu agradecemento ao deputado de Mobilidade por ter atendido a demanda da mellora da vía. "Este novo proxecto amosa o entendemento coa Deputación de Pontevedra á hora de darlle prioridade as obras que, como esta actuación, teñen como obxectivo mellorar a seguridade viaria nas estradas e protexer o tránsito peonil nun espazo cunha alta densidade de poboación e cun intenso uso social como o entorno da igrexa, a casa do comuneiro, a escola infantil e o centro cultural. Esta actuación intensa en dous quilómetros é o primeiro paso doutras obras necesarias nesta estrada provincial".

Represas tamén recoñeceu a sensibilidade do Departamento de Mobilidade ao ter en conta a formulación do Concello de darlle prioridade ás e aos peóns neste espazo central e de relación social de Ribadetea.