Noticias

A Deputación aproba dúas novas achegas para Ponteareas por máis de 220.000 euros

Con estes investimentos, con cargo á liña 1 do Plan Concellos 2019, a vila poderá financiar a mellora do viario A Cova-Cañoteira, nas Cortellas, e da mobilidade peonil na EP-4004


22 marzo 2019
Plan Concellos

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres dous investimentos por un valor de 221.455,91 euros para Ponteareas con cargo á liña 1 do Plan Concellos 2019. En concreto, son 144.884,12 euros para financiar o proxecto de ampliación e mellora do viario A Cova-Cañoteira, nas Cortellas; e outros 76.571,79 euros para a mellora da mobilidade peonil na E.P. 4004 acceso á igrexa de Guláns, desde P.Q. 0+000 ata 0+490.

Máis polo miúdo, no viario das Cortellas, a actuación comprende a execución dunha capa de rodaxe, posterior á preparación do viario mediante limpeza e rego asfáltico. Ademais, o proxecto tamén inclúe a habilitación de canalizacións, así como a mellora da drenaxe mediante a execución dun colector e sumidoiros ao longo do treito da actuación.

Por outra banda, para a mellora da mobilidade e da seguridade peonil ampliarase a beiravía da estrada EP-4004. Ademais, esta actuación tamén implica a mellora e renovación do alumeado, substitución de luminarias e báculos, e renovación e soterramento da rede de distribución.