Noticias

270 persoas da provincia participan durante os próximos días no programa "En ruta coa Depo"

Veciñas e veciños de Pontevedra, Vigo, Forcarei e A Estrada realizarán visitas guiadas a lugares e monumentos de especial interese e valor turístico


16 novembro 2018
En Ruta coa Depo

O programa "En ruta coa Depo" organiza os próximos días cinco novas excursións nas que participarán 270 persoas de catro concellos da provincia. Estas actividades permitirán ás persoas participantes coñecer novos lugares da provincia de Pontevedra.

Máis polo miúdo, o sábado 17 de novembro, 54 persoas da ANPA Bolboreta do CEIP Cabanas visitarán en Silleda o castro de Toiriz, o mosteiro de San Lourenzo de Carboeiro, a fervenza do río Toxa e escenarios da serie "El final del Camino". Pola súa banda, tamén o mesmo sábado, 54 persoas da Casa de Andalucía de Vigo poderán coñecer o Santuario de Santa María da Franqueira, na Cañiza, o Centro de Interpretación da Cera (Favum) e a Casa-Museo Pazo da Cruz, en Covelo.

Para rematar coas excursións do día 17 de novembro, 54 usuarias e usuarios da Asociación Sociocultural O Can de San Roque, de Forcarei, farán un percorrido polo conxunto histórico de Cangas do Morrazo nunha ruta na que tamén coñecerán a igrexa do Hío, o miradoiro da costa de Soavela e Cabo Home, Cabo Udra e o Museo Massó, en Bueu.

A seguinte excursión do programa "En ruta coa Depo" chegará o martes 20 de novembro, cando 54 persoas da Asociación de Consumidores e Amas de Casa da Estrada levarán a cabo unha ruta polo Parque Quiñones de León, o Parque do Castro e o parque botánico do castelo de Soutomaior.

Por último, o xoves 22 de novembro 54 persoas do Centro Sociocomunitario de Teis visitarán o Santuario de Santa María da Franqueira, na Cañiza, o Centro de Interpretación da Cera (Favum) e a Casa-Museo Pazo da Cruz, en Covelo.

"En ruta coa Depo" ten por obxectivo mellorar a participación, a convivencia e a cohesión social dos distintos colectivos sociais da provincia , promovendo a igualdade de oportunidades para os colectivos con diversidade funcional, que antes non podían participar, así como ofrecer alternativas de ocio e tempo de lecer á poboación xuvenil da nosa provincia e promocionar rutas destinadas ás entidades de nais e pais que fomenten a convivencia e o intercambio de experiencias nas que participen activamente as nenas e nenos. O contido do programa consiste en pasar un día de convivencia pola provincia, mediante acompañamento dunha ou dun guía que conte coa habilitación de guía de turismo especializado de Galicia e inclúe xantar e trasporte.

No 2017, participaron na iniciativa "En ruta coa Depo" máis de 17.500 persoas pertencentes a 410 entidades da provincia. Para este 2018 xa foron adxudicadas case 22.000 prazas.