ORAL-Xestión tributaria

O ORAL pecha 2022 con 136 millóns de euros recadados e un 109% máis de atencións respecto a 2021

O deputado Carlos Font presentou a memoria do exercicio 2022 do ORAL e destacou as 42 novas competencias conseguidas (a metade de todas as logradas no actual mandato), a cifra récord de máis de 560.000 atencións realizadas e os 209 millóns de € en volume de xestión


03 abril 2023
Presentación Memoria ORAL

 O ORAL, servizo da Deputación de Pontevedra encargado da xestión, inspección e recadación de tributos locais e outros ingresos de dereito público, pechou 2022 cuns excepcionais datos de xestión e recadación. O deputado de Economía e Facenda, Carlos Font, presentou a memoria de xestión 2022 do órgano, na que salientan as 42 novas competencias acadadas este ano (que representan a metade de todas as conseguidas no actual mandato, desde 2018), a cifra récord de máis de 560.000 atencións realizadas, cunha importante suba das telemáticas, a recadación de máis de 136 millóns de euros, o 92% de cobros dos padróns xirados en 2022, as 32.000 novas domiciliacións ou o descenso dos valores pendentes de cobro de anos anteriores. O deputado de Economía e Facenda, Carlos Font, remarcou estes datos, "que amosan a eficacia deste servizo e a confianza que teñen tanto os concellos como as persoas contribuíntes no noso servizo de recadación".

Carlos Font detallou que o ORAL pechou 2022 indo a máis en tres apartados fundamentais: "máis xestión, máis facilidades para a cidadanía e máis recadación". O deputado asegurou que "é un orgullo poder presentar este documento, que é o mellor exemplo de transparencia", un aspecto ao que "as administracións estamos obrigadas xa que as persoas a quen gobernamos teñen dereito a coñecer cara a onde van os seus impostos", e sinalou que "non hai nada mellor para este goberno que poder render xestión dun órgano tan importante".

No apartado de máis xestión, salientou que o 92% dos concellos de menos de 20.000 habitantes teñen delegacións efectivas no órgano da Deputación. En total, teñen delegacións 63 entidades locais e, no caso dos concellos, 54. O deputado puxo de exemplo "as 42 novas competencias acadadas só en 2022, que son a metade de todas as 83 conseguidas desde 2018". En 2022 houbo 16 novas delegacións da comprobación e inspección da taxa por aproveitamento especial do dominio público local, 11 da comprobación e inspección do ICIO (imposto sobre construcións, instalacións e obras) e 10 da comprobación e inspección da taxa por licenza de obras, entre outras. Grazas á xestión do ORAL, ademais, os valores a xestionar nos períodos executivos de cobro descenderon 21,4 millóns entre 2018 e 2022.

Ademais, o ORAL asume integramente os expedientes en materia sancionadora de tráfico, ampliou as delegacións e funcións en materia de inspección dos tributos locais (que tivo unha recadación neta de 2,9 millóns entre 2018 e 2022) e abriu novas canles de transparencia e comunicación como liñas de asesoramento e asistencia, a elaboración de modelos tipos de ordenanzas, a realización de estudos técnico-económicos e a creación de foros de formación e redes de apoio.

No apartado de máis facilidades á cidadanía, salientan as 564.000 atencións realizadas en 2022, unha cifra un 60,4% maior respecto á acadada en 2021 e 400.000 atencións máis respecto a 2018. En 2022 realizáronse 82.000 atencións presenciais (fronte ás 70.000 de 2021) e 482.000 non presenciais (fronte ás 281.000 de 2021). Nestas últimas destaca o 109% máis de atencións telemáticas, 419.000 en total. Ademais, a través de medios telemáticos realizáronse 494.000 transaccións, das cales as operativas aumentaron un 3,5% sobre as de 2021. Outros datos positivos no capítulo de atención son as 621.500 comunicacións emitidas por SMS e correo electrónico a través do servizo ‘ORAL Informa', o aumento das formas de pagamento co que os pagos telemáticos medraron un 37% en só tres anos, e o aumento das domiciliacións que en 2022 representaron un 3,8% máis que en 2021 cun total de 32.000 novas domiciliacións acadadas o pasado ano e 121.000 máis desde 2018.

Finalmente, no apartado de máis recadación, Font informou de que o ORAL tivo un volume de xestión en 2022 de 209,3 millóns de euros, cifra que inclúe as contías derivadas de valores pendentes de cobrar de anos anteriores. O ORAL recadou o pasado ano unha cifra de 136,1 millóns de euros, un 3% e 4,4 millóns máis que en 2021 e un 12% máis que en 2018. O ratio de cobros entregados aos concellos con delegacións aumentou en case 5 puntos respecto a 2021, situándose no 65%. No caso dos valores realizables, o incremento é de 9 puntos. Entre 2018 e 2022 entregáronse aos concellos 14,4 millóns de euros máis.

A porcentaxe de padróns aprobados (IAE, IVTM, IBI e taxas) foi do 90,5%, cun volume de xestión de 118 millóns e máis do 92% cobrados, con 105 millóns de euros recadados en período voluntario. A porcentaxe de cobros no período voluntario pasou do 77,4% de 2021 ao 78,2% de 2022, mentres que a porcentaxe de cobros no período executivo pasou do 21,8% de 2021 ao 26,5% de 2022.

Outras cuestións recollidas na memoria do ORAL son a tramitación de preto de 2800 expedientes de procedementos de inspección (algo moi salientable xa que en 2018 só se realizaron 74), cunha porcentaxe de cobro do 94,4%, ou a renovación do convenio de colaboración coa Dirección Xeral do Catastro para realizar labores de actualización e mantemento catastral de 48 concellos. Ademais, en 2022 o ORAL achegou liquidez aos concellos a través de anticipos a conta e liquidacións de ingresos parciais: 64,6 millóns de anticipos ordinarios (un 4,1% máis) e 1,8 millóns en anticipos extraordinarios, cun aumento global do 3% respecto a 2021.

O deputado tamén remarcou que o ORAL segue traballando para conseguir os ODS da Axenda 2030, con accións concretas para a mellora continua da transparencia, ordenanzas fiscais, redución do papel co obxectivo de ser papel cero, medidas de bo goberno, apoio, innovación e integración, loita contra o fraude fiscal e mellora da accesibilidade e da confidencialidade nas oficinas físicas deste órgano. E detívose no capítulo de Recursos Humanos, onde salientou que o ORAL está formado por un cadro de persoal de 137 persoas das que 97 son funcionarias e 40 persoal laboral "sen os/as cales todo este traballo sería imposible". "Nos últimos anos na Deputación levamos a cabo un proceso de funcionarización, moi importante no caso do ORAL porque cremos que o persoal debe ter a condición de funcionaria, o cal dá máis garantías para a prestación deste servizo", sinalou Font.

 

Memoria 2022 (pdf)