« Atrás

Noticia - O deputado Carlos Font confirma unha nova achega do Plan Concellos para Portas de preto de 62.000 €

O deputado Carlos Font confirma unha nova achega do Plan Concellos para Portas de preto de 62.000 €

O Goberno de Carmela Silva destina este ano, ao Concello de Portas, ao abeiro do Plan, un total de 648.353 euros, un 74,6 % máis que en 2017


19 setembro 2018
Plan Concellos

O deputado de cooperación, Carlos Font, confirmou hoxe a aprobación, mediante sendas resolucións presidenciais, de dous novos investimentos no Concello de Portas por un valor total de 61.990,7 euros ao abeiro da liña 1 do Plan de Concellos. Trátase, nesta quenda, dunha axuda de 47.029,05 euros para a pavimentación en Xagobe-Vilavedra, Rapeira e Outeiro e outra achega de 14.961,65 euros para o subministro de equipamento urbano.

Ademais destas cantidades, o Goberno provincial, ao través do Plan Concellos, xa aprobou anteriormente varias axudas para o Concello de Portas. En concreto, 42.752,16 euros na liña 1 para o saneamento de augas residuais en Romai Vello e Outeiriño. No que respecta a liña 2, destináronse 36.040,74 euros para a amortización da débeda do concello. E tamén, outros 85.596,77 euros foron destinados á contratación de 10 traballadoras e traballadores que están a desempeñar funcións no concello, dentro da liña 3 de emprego do Plan.

A Deputación de Pontevedra pon este ano a disposición de Portas, ao abeiro do Plan Concellos, un total de 648.353 euros, un 74,6 % máis que en 2017.