« Atrás

Noticia - A Deputación remata os muros de contención para evitar que os noiros da estrada provincial á igrexa de Fragas en Campo Lameiro se esborrallen

A Deputación remata os muros de contención para evitar que os noiros da estrada provincial á igrexa de Fragas en Campo Lameiro se esborrallen

O deputado Uxío Benítez explica que a actuación realizouse de urxencia despois dos danos producidos polos temporais


09 febreiro 2018
estrada provincial

O departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra rematou nesta semana a construción de varios muros de contención na estrada provincial EP-8303 á igrexa de Fragas no termo municipal de Campo Lameiro. Segundo explicou o deputado Uxío Benítez, a actuación realizouse por vía de urxencia despois de detectar os danos producidos polos temporais, que arrastraron parte dos noiros existentes facendo necesaria a súa consolidación e a mellora da estrutura da estrada no punto quilométrico 1+500.

As obras, que comezaron no Nadal, consistiron na neutralización do noiro estabilizándoo con tres muros escollera de perpiaño e na reposición do paquete de firme da estrada alí onde se produciron os ‘brandóns'. Nas primeiras semanas foi necesaria a actuación de maquinaria pesada instalando os bloques de pedra no noiro e, no treito final, mellorouse a zona de aglomerado.

Segundo manifestou o deputado, foi fundamental actuar con rapidez para consolidar o noiro e reestablecer o firme da estrada, xa que de ter agardado por unha contratación ordinaria dos traballos en lugar de urxente, a falta de seguridade viaria sería maior e, con toda probabilidade, de haber novas chuvias e arrastres de terras, sería necesaria unha intervención moito máis custosa que a actual, que ascendeu a 80.000 euros.

Fotos