« Atrás

Noticia - Ponte Caldelas - A fibra óptica chega a Taboadelo e Ponte Caldelas queda plenamente cuberta con internet

A fibra óptica chega a Taboadelo e Ponte Caldelas queda plenamente cuberta con internet de alta velocidade: ata 600 megas

Áurea, a empresa local de telecomunicacións, comezou onte a dar o servizo no lugar de Taboadelo, única aldea do concello que quedaba sen o servizo de fibra óptica


16 decembro 2021
Ponte Caldelas

O concello de Ponte Caldelas conta xa con fibra óptica en todas as aldeas do municipio, logo de que a empresa local de telecomunicacións ‘Áurea' completase na xornada de onte o despregue total da súa rede de fibra óptica no lugar de Taboadelo, única aldea do municipio que non dispoñía aínda deste servizo básico do século XXI.

Áurea ofrece ata unha velocidade de 600 megas reais de subida e baixada, un servizo de gran calidade do que non dispoñen en moitas grandes cidades e que, sen embargo, está implantado xa nos 33 núcleos de poboación de Ponte Caldelas, no casco urbán e tamén no Polígono Empresarial de A Reigosa.

O caso de Taboadelo preocupou moito ó Concello de Ponte Caldelas nos últimos anos porque estaba cualificado como "zona branca" ao ter sido obxecto dunha subvención concedida polo Goberno de España no ano 2017 a Telefónica e que finalmente a sociedade non chegou a executar. Unha vez finalizado o prazo e logo de que Telefónica non executase os traballos, a empresa local Áurea comezou de seguido a despregar fibra para dotar do servizo de alta velocidade de internet ós veciños de Taboadelo que, dende onte mesmo, poden solicitar a alta no servizo, que é practicamente inmediata.

O Concello de Ponte Caldelas celebra a chegada da fibra óptica a Taboadelo, convertendo así a Ponte Caldelas nun concello cunha cobertura todal de fibra óptica de ata 600 megas de velocidade, máis ca calquera gran cidade. O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, indica que "vivir en Ponte Caldelas é un privilexio, xa que dispoñemos de alta velocidade de internet, excelentes comunicacións con Pontevedra e Vigo e unha gran calidade de vida nun concello rural que, ó mesmo tempo, é un municipio vivo, activo e dinámico ó que cada vez chegan máis familias a vivir".