« Atrás

Noticia - A Deputación remata as obras de mellora da seguridade viaria na EP0506 Curro Portela en Barro

A Deputación remata as obras de mellora da seguridade viaria na EP-0506 Curro-Portela en Barro

Nestes traballos investíronse máis de 330.000 euros e supuxeron a renovación total do firme nos 3,7 quilómetros desta estrada provincial


03 novembro 2021
EP-0506 Curro-Portela

A Deputación de Pontevedra vén de rematar as obras de mellora da seguridade viaria na EP-0506 Curro-Portela, no concello de Barro, que supuxeron a renovación total do firme desta estrada baixo os parámetros da mobilidade sostible e amable do modelo da institución provincial. O deputado provincial de Infraestruturas, Gregorio Agís, visitou hoxe a remodelada estrada, na que se investiron  330.643 euros, xunto ao alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, quen puxeron de manifesto a importancia dos elementos de calmado de tráfico para mellorar a seguridade do viario.

Co investimento realizado renovouse totalmente este viario, de 3,7 quilómetros de lonxitude a fin de aumentar a seguridade. Deste xeito, levouse a cabo a reposición do firme e acometeuse a mellora da intersección cunha estrada municipal, amais de renovar a súa sinalización. Máis polo miúdo, a actuación contemplou a limpeza de marxes e reperfilado de cunetas; a execución de preto de 420 metros cadrados de saneos e 35.000 metros cadrados de fresado e reposición de firme, a renovación da sinalización horizontal e vertical e a execución do bordo e firme de formigón para realización dunha semiglorieta e isleta no entronque ao inicio da estrada.