Consulta pública previa

Regulamento para a prestación do servizo de colaboración no procedemento sancionador en materia de tráfico



Servizo responsable da iniciativa:

ORAL

Estado actual:

Pechada

Prazo para a remisión de consultas:

09/08/2019 – 16/08/2019

INFORMACIÓN SOBRE A NORMA

Antecedentes:

A Deputación de Pontevedra-ORAL desempeña as facultades de colaboración no procedemento sancionador en materia de tráfico, así como a competencia de recadación en período voluntario e executivo das sancións de tráfico resultantes, mediante as correspondentes encomendas de xestión e delegacións dos concellos respectivos. O número de concellos da provincia cos que colabora a Deputación a través do servizo ORAL é de 29.

As relacións entre os concellos e a Deputación de Pontevedra-ORAL están reguladas nesta materia polo disposto no Regulamento do servizo de colaboración na xestión das sancións de tráfico, publicado no BOPPO o 23 de xuño de 2010 (Boletín núm. 118/10).

Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

A forma de prestación actual do servizo en canto á instrución dos expedientes sancionadores implica o nomeamento dunha persoa instrutora delegada, persoal funcionario dos propios concellos. A experiencia acumulada polo servizo de xestión de recursos públicos e inspección que se encarga da tramitación pon de manifesto a necesidade de actualizar este regulamento co fin de poder ir un paso máis aló nos servizos que esta Deputación lles presta aos concellos nunha materia tan complexa como é o procedemento sancionador en materia de tráfico, e tamén para evitar retrasos nas tramitacións derivadas da intervención sucesiva de persoal funcionario de dúas administracións diferentes, cos problemas engadidos de posibles inseguridades no plano estritamente técnico que, actualmente, o servizo ORAL resolve na súa integridade.

Tense en conta nesta materia o establecido na normativa aprobada con posterioridade á publicación do regulamento desta Deputación; entre outras, o Real decreto lexislativo 6/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade viaria; e a Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, que integra as medidas relativas á Administración electrónica no seu articulado.

Aténdese, á súa vez, aos cambios e avances relacionados coas novas tecnoloxías, principalmente coa posta en marcha dunha nova Oficina Virtual do ORAL, a través da cal se poden facer de forma telemática trámites relativos ao procedemento sancionador de tráfico, tales coma a identificación da condutora ou condutor responsable, a presentación de alegacións e recursos contra as multas e o pagamento das sancións de tráfico, entre outras.

Obxectivos:

Precísase impulsar a aprobación dun novo regulamento na materia que permita a delegación íntegra da fase instrutora do procedemento sancionador en materia de tráfico aos concellos que así o determinen por acordo expreso, con pleno respecto á autonomía municipal e, polo tanto, residindo nos propios concellos tanto a fase de inicio do procedemento, coa denuncia da persoa infractora, coma a fase sancionadora, coa resolución final da imposición da sanción da persoa titular da Alcaldía de cada concello. Unha vez notificado o inicio do procedemento, toda a tramitación podería, se así o deciden os concellos, delegarse na Deputación-ORAL.

Con esta nova fórmula preténdese dar resposta ás necesidades dos concellos, liberándoos dos trámites que se deben realizar nestes procedementos e que, pola súa complexidade e curtos prazos en materia de prescrición, fan necesaria unha tramitación áxil e eficaz.

Rango da norma:

Disposición regulamentaria

Última modificación: martes, 27 agosto 2019