Consulta pública previa

Elaboración do estatuto para a creación dun organismo autónomo que regule o Museo de Pontevedra



Servizo responsable da iniciativa:

Museo de Pontevedra

Estado actual:

Consulta pechada

Prazo para a remisión de consultas:

14/03/2019 – 15/04/2019

INFORMACIÓN SOBRE A NORMA

Antecedentes:

Estatutos do organismo autónomo local do Museo Provincial de Pontevedra aprobados definitivamente na sesión plenaria do 28 de setembro de 2005 (BOPPO núm. 191, do 4 de outubro de 2005), modificados seguidamente en sesión plenaria do 29 de novembro de 2006 (BOPPO núm. 32, do 14 de febreiro de 2007). Posteriormente, disolveuse o organismo e derrogáronse os estatutos en sesión plenaria do 26 de outubro de 2012.

Problemas que se pretenden solucionar:

Con esta iniciativa preténdese crear un marco regulamentario no que se ampare o persoal da Deputación de Pontevedra e o propio do Museo de Pontevedra para o desenvolvemento da actividade habitual da institución museística cuns criterios claros, con rigor científico e que velen pola consolidación e a modernización dun museo que é referencia tanto en Galiza coma fóra dela.

Necesidade e oportunidade da súa aprobación:

A necesidade e oportunidade da aprobación deste regulamento vén dado xa que o actual procedemento de dotación de praza dunha persoa para ocupar o cargo de dirección en base a un cargo de dirección xeral, xunto coa consolidación nos orzamentos para o 2019 dunha praza de dirección de xestión por parte dunha funcionaria da casa, abren un novo horizonte para a reestruturación do funcionamento do Museo de Pontevedra.

Búscase, ademais, que mostren as súas inquedanzas sectores profesionais da cultura, xunto ao tecido asociativo, ademais dos organismos públicos encargados da custodia e posta en valor do patrimonio galego e universal que teña relevancia para a cidadanía.

Obxectivos:

Os obxectivos da norma van encamiñados a dotar o museo dun modelo moderno e eficaz na xestión dos seus recursos en relación coa Deputación de Pontevedra e con outras institucións públicas e privadas que velan pola defensa da cultura galega.

Rango da norma:

Disposición regulamentaria

Solucións:

Para levar a cabo esta función de modernización e profesionalización plena do Museo Provincial estanse a estudar as seguintes alternativas regulamentarias e non regulamentarias:

  • Recuperación da figura do Museo como organismo autónomo dependente da Deputación Provincial, para o cal se precisaría a creación duns estatutos que atendan á nova realidade xerada, recollendo, ademais do espírito fundacional da institución, as novas realidades no referido aos procedementos técnico-administrativos propios dun Museo Provincial
  • Establecer un comité asesor técnico que teña como función principal, entre outras, a de servir de nexo entre o Goberno e o resto de membros da Corporación provincial (incluíndo como tales o secretario xeral e o interventor xeral)

Última modificación: mércores, 29 maio 2019