Campaña de adquisición e uso de xogos e xoguetes non sexistas nin violentos 2016

Campaña de adquisición e uso de xogos e xoguetes non sexistas nin violentos 2016

Un ano máis desde a Deputación de Pontevedra, co inicio das compras de Nadal, queremos aproveitar a ocasión para recalcar a importancia dunha boa elección dos xogos, xoguetes, contos, videoxogos etc. que mercamos para as nosas cativas e cativos.

É a nosa responsabilidade elixir un xoguete que responda ás necesidades de quen vai xogar, interactuar con el e manipulalo, ao tempo que estimule a curiosidade e desenvolva a imaxinación e a creatividade.

A publicidade e a sociedade marcan a imaxe e o uso que deben ter os xoguetes infantís. Coa chegada destas datas os medios de comunicación e as nosas caixas de correo énchense de catálogos de xoguetes e de publicidade sexista que perpetúan os roles de xénero asignados socialmente. As mensaxes dirixidas ás nenas céntranse sobre todo no coidado, na beleza e nas tarefas do fogar, mentres que as dirixidas aos nenos están máis relacionadas coa exploración, o deporte, a ciencia, a competición, a aventura e a acción.

Nos anuncios de xoguetes e videoxogos utilízanse mensaxes moi estereotipadas, envoltas nun halo de afectividade, nas que se lles recorda ás nosas cativas o ben que poden facer a comidiña, como chegar a ser unhas verdadeiras princesas ou cal é o mellor xeito de coidar as súas bonecas. Por outra banda as indicacións que se lles ofrecen aos cativos son as de ser o máis rápido, o máis forte, como loitar ou ser un gran superheroe que salve o mundo. As cores e a música merecen tamén unha mención especial, pois mentres o mundo das nenas se tinxe da gama dos pasteis, con toda a variedade de rosas, o dos nenos utiliza cores máis fortes e escuras, fundamentalmente o azul.

Os xogos e xoguetes deben favorecer o desenvolvemento integral, facer pensar, propiciar a comunicación e a axuda e non a rivalidade, e fomentar así a relación entre iguais sen vetar ningunha das capacidades das nenas e nenos.

A través dos xogos e xoguetes as nosas pequenas e pequenos, ao tempo que se divirten, poden imaxinar o seu futuro: un mundo no que todas as persoas estean presentes tanto no eido público coma no privado; un mundo, en definitiva, no que sexan capaces de desempeñar distintas profesións e gozar do coidado da súa familia, independentemente de que sexan mulleres ou homes.

Non se trata de forzar as nosas cativas e cativos a xogar con algo que non lles gusta, pero tampouco debemos impedirlles que o fagan con xoguetes atribuídos pola sociedade ao outro sexo. É importante escoitar e ter en conta as súas peticións, pero non dicirlles que si a todo. Na nosa man está a responsabilidade da elección. Aínda que non poidamos controlar a utilización destes xoguetes polo resto da sociedade nin as mensaxes publicitarias, cunha boa elección poderemos iniciar o cambio.

Compartamos imaxinación e tempo de xogo coas nosas pequenas e pequenos; o noso afecto, atención e apoio é o que mais desexan.

XOGAMOS?

COMÁMONOS UN POUCO O COCO

A DIFERENZA NON A MARQUES TI

Invitámosvos a retornar á vosa infancia e compartir un tempo divertido coas vosas cativas e cativos con este ADIVIÑO DE PAPEL, unha mostra de xogos divertidos e motivadores cos que poden xogar indistintamente nenas e nenos, e que fomentan a interacción, a comunicación e a relación entre iguais.

Son xogos baseados na cooperación e na axuda entre as persoas e non na rivalidade e na violencia, e favorecen actitudes e comportamentos de amizade, o respecto á diferenza e as relacións de igualdade. Ademais potencian o enxeño e a capacidade de pensar.

Personaliza o teu COMECOCOS incluíndo outros xogos que se che ocorran segundo os intereses da nena ou do neno e sigue as indicacións. Verás como outra forma de xogar e de relacionarse é posible!

  • HABÍA UNHA VEZ…. O CONTO DO REVÉS. Conta un dos teus contos favoritos dándolle a volta ás personaxes.
  • NA PROCURA DO TESOURO. Agocha o tesouro e dá as indicacións "frío" ou "quente" segundo as persoas participantes se afasten ou acerquen ao tesouro.
  • EU DE MAIOR QUERO SER. Explícalle ao grupo cal é a túa profesión favorita empregando só a mímica.
  • O TRES EN RAIA. Pinta unha cuadrícula con nove ocos, e a facer tres en raia.
  • TIRA A LATA. Constrúe unha torre con dez latas seguindo o esquema 4, 3, 2, 1. Logo tira a bóla.
  • A CIDADE IMAXINARIA. Usa a túa imaxinación e crea a cidade na que che gustaría vivir. Podes usar calquera material que atopes.
  • A CORDA. Salta, salta, salta á corda sen parar.
  • O XOGO DA CADEIRA. Cando pare a música tes que atopar un sitio para sentar.

Descargas

Última modificación: mércores, 21 decembro 2016