É a sequoia vermella de maiores medidas de Galicia aínda que a orde da circunferencia se beneficiou claramente do hábito hicaulinar, e trátase dun exemplar coetáneo do momento fundacional do parque (1870). Ten ao seu favor para a catalogación monumental a súa antigüidade, dendrometría, conservación e marco señorial, aínda que o escaso campo visual impide a correcta contemplación da súa arquitectura.
Entorno
O castelo de Soutomaior (de 25 ha), do século XII, é unha das mellores manifestacións da súa clase no país. Foi transformado en pazo en tempos de Antonio Aguilar Correa e Soutomaior, marqués da Vega de Armijo (1870), e conta cunha magnífica fortaleza-pazo e espléndidos xardíns. A sequoia localízase na parte alta do parque en posición excéntrica, cerca da praciña da fonte.