Noticias

Xosé Leal: "Coa presentación da unidade didáctica sobre a nenez na obra de Castelao damos o pistoletazo de saída ás efemérides sobre este autor"

A Deputación presentará o venres no Culturgal a primeira publicación que aborda a historia da infancia, un tipo de estudo totalmente inédito en Galiza


01 dec 2015

"Tratamos de darlle entidade propia á nosa presenza no Culturgal e marcar unha pauta para amosar a nosa idea da cultura, que vai máis aló da provincia de Pontevedra", así definiu o deputado de Cultura e Normalización Lingüística, Xosé Leal, as propostas que o seu departamento leva á Feira das Industrias Culturais, Culturgal 2015. A presenza da Deputación nesta edición pasa por ter un posto propio no que amosar a oferta cultural dos concellos da provincia, por contribuír activamente ao programa da Feira coa exposición de arte contemporánea "Somos Espazo" e por presentar o venres pola tarde, no programa Foro, a unidade didáctica "A nenez galega a través dos anteollos de Castelao".

Na presentación das actividades coas que o seu departamento participa no Culturgal, Xosé Leal estivo acompañado polos autores da unidade didáctica, Diana Vilas e Óscar Rodríguez, e polos comisarios da exposición, Paula Cabaleiro e Antón Sobral, así como polo director do Museo, Carlos Valle, por ser a institución que deu soporte a ambas as actuacións. Xosé Leal lembrou que a incorporación da oferta cultural das entidades locais é unha das principais novidades da Feira deste ano, e que a través do posto da Deputación estarán representados máis da metade dos concellos da provincia, ata un total de 34. Ademais, a través da Deputación, 12 concellos participarán no programa da Feira presentando actividades e iniciativas propias.

A propia Deputación tamén terá presenza no posto con material audiovisual relacionado co Museo de Pontevedra e con dúas das coleccións que esta institución acolle sobre Castelao, que se poderán visualizar baixo os títulos "Castelao e os cegos" e "Castelao e a emigración". Tamén está previsto que difunda as efemérides relacionadas con Castelao que se desenvolverán no ano 2016, tanto o Ano Castelao coma o centenario da súa chegada a Pontevedra, e que se poñan a disposición do público traballos do Servizo de Publicacións da Deputación, entre os que se conta a unidade didáctica sobre as estampas de nenez de Castelao. Xosé Leal fixo fincapé en que as actuacións relacionadas con Castelao centrarán tematicamente a actividade do seu departamento para o vindeiro ano e, neste sentido, afirmou que "coa presentación da unidade didáctica damos o pistoletazo de saída ao Ano Castelao".

Castelao e a nenez

As estampas sobre nenos e nenas de Castelao son o punto de partida do proxecto pedagóxico que a Deputación presenta o venres no Culturgal. Trátase dunha unidade didáctica que aborda diferentes aspectos da vida diaria da época de comezos do século XX recollidos nos debuxos do autor, na que os cativos e as cativas son protagonistas, relacionándoos coa actualidade. Está destinada a un uso pedagóxico transversal a través da literatura galega, a filosofía, a ética ou as ciencias sociais; e o tramo de alumnado ao que vai dirixida abrangue desde 4º da ESO ata 2º de Bacharelato. Este traballo está realizado por Diana Vilas e Óscar Rodríguez, que xa tiñan editado un estudo anterior sobre a representación na infancia en Cousas da vida de Castelao. Diana Vilas indicou que "o estudo da historia da infancia é relativamente recente e totalmente inédita no ámbito galego". A autora explicou que a unidade didáctica toma diferentes fontes documentais, coma novas dos xornais da época ou textos lexislativos, e se relacionan coas vivencias das crianzas reflectidas nas estampas. "Para relacionar estes dous mundos tan dispares utilizamos un personaxe de ficción creado polo profesor Manuel Rodríguez Conde, que leva o nome de Afonsiño, en lembranza do fillo do propio Castelao, e que serve de guía a través de pequenos relatos de ficción", sinalou Diana Vilas.

Pola súa banda, Óscar Rodríguez fixo fincapé en que "a unidade didáctica é fundamentalmente exercitiva para permitir que o alumnado constrúa o contido a partires das actividades", ao tempo que destacou que "usa unha metodoloxía anovadora enfocada ao uso das TIC que tanto profesorado como alumnado teñen ao seu dispor".

"A nenez galega a través dos anteollos de Castelao" presentarase o venres 4, ás 19:00 h, no programa Foro do Culturgal e contará coa presenza do deputado de Cultura, Xosé Leal, e dos autores, Diana Vilas e Óscar Rodríguez. Durante os días da Feira esta publicación estará dispoñible no posto da Deputación e durante o vindeiro ano chegará aos centros educativos e ao departamento didáctico do Museo de Pontevedra, ao que se lle dedica un último capítulo específico nesta.

A arte contemporánea no Culturgal

"Somos Espazo: simbioses entre arte e arquitectura" é o título da exposición de arte contemporánea producida pola Deputación de Pontevedra, a través do Museo provincial, e comisariada por Paula Cabaleiro e Antón Sobral. Recolle obras de 24 artistas e arquitectos, que amosan a relación entre arte e arquitectura,  e estará no Pazo da Cultura de Pontevedra desde o 4 de decembro ata o 10 de xaneiro.

Segundo explicou a comisaria Paula Cabaleiro "é unha exposición que nace tras unha reflexión para incidir nas diferentes vías para mutar a percepción do espazo por parte do espectador". A comisaria indicou que se seleccionaron 24 artistas para este proxecto "para amosar visións multixeracionais e tamén multidisciplinares, que van desde a maqueta de arquitectura, o debuxo, a fotografía ou a escultura". Fixo fincapé na obra do coñecido arquitecto César Portela, sobre o que sinalou que "conta cunha microexposición dentro da propia exposición".

Antón Sobral salientou que "esta exposición, a pesares de ser tan vanguardista, tamén é entendible, porque sabemos que a arte contemporánea ás veces precisa dunha guía, e insistimos en que todas as obras sexan moi visuais e accesibles".

"Somos Espazo" está integrada polos e polas artistas Mónica Alonso, Inge Álvarez, Pedro Bueno, Román Corbato, Javier Fdez. Pérez de Lis, Rosa García, Xulio Gil, Carmen Hermo, Víctor Hermo, Paula Mariño, Ignacio Pérez-Jofre, César Portela, María Prada, Toño Mejuto, Rosa Neutro, Carme Nogueira, Ventura A. Pérez Suárez, Jorge Perianes, Yolanda Ríos, Olalla Sendón, Laureano Vidal e Taller Abierto. No caso de Pérez-Jofre, desenvolverá a súa obra en directo durante os tres días da Feira.

Nesta edición a exposición superará o marco temporal do Culturgal e permanecerá no Pazo da Cultura ata o 10 de xaneiro.