Noticias

O Museo acollerá en outubro a especialistas sobre os nomes dos lugares do Camiño de Santiago na VI Xornada de Onomástica da RAG

Xa está aberto o prazo de inscrición para participar presencialmente


06 xullo 2021

O Museo de Pontevedra acollerá o vindeiro outono a diferentes especialistas que profundarán sobre os nomes dos lugares do Camiño de Santiago de Compostela. Será no marco da VI Xornada de Onomástica Galega coorganizado pola Real Academia Galega e a Deputación de Pontevedra, onde se achegarán diversas contribucións arredor da toponimia do primeiro Itinerario Cultural Europeo, cadrando coa celebración do Ano Santo Compostelán.

O programa desenvolverase o vindeiro 16 de outubro mais as persoas interesadas en participar presencialmente poden inscribirse xa na xornada a través do correo electrónico publicacions@academia.gal. As sesións tamén se emitirán en directo a través de academia.gal.

A VI Xornada de Onomástica incidirá no estudo dos nomes de lugares que atravesan as rutas do Camiño de Santiago da man de especialistas de distintas disciplinas, alén da súa significación relixiosa. Algúns dos aspectos que se tratarán nas intervencións previstas son a evolución dos nomes de Gallecia e Spania ao longo da Idade Media e os nomes literarios no Códice Calixtino, a presenza da onomástica de Santiago máis alá de Galicia ou a aplicación didáctica da toponimia do Camiño nas aulas no CEIP Agro do Muíño e no IES Milladoiro. A xornada rematará pola tarde cunha mesa redonda na que se tratarán, desde distintas perspectivas, os estudos toponímicos do Camiño e a posibilidade de que Galicia se constitúa como centro dos estudos toponímicos en Europa.

Anselmo López Carreira, profesor da UNED, e Pilar Cagiao e José María Anguita Jaén, da USC; e os docentes de secundaria Sandra Beis Silva, María Carmen Liñares e Xano Cebreiro pronunciarán os relatorios incluídos no programa coordinado pola académica electa Ana Boullón e a académica correspondente Luz Méndez. Na mesa redonda participarán o académico correspondente Gonzalo Navaza, o membro da Academia Xacobea Eduardo López Pereira, a antropóloga do CSIC Cristina Sánchez Carretero e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez.

A Real Academia Galega e a Deputación de Pontevedra coorganizan desde 2016 as xornadas anuais do Seminario de Onomástica da RAG. A entidade provincial, ademais de acoller as xornadas no Edificio Castelao do Museo, apoia ademais a publicación dos traballos presentados nestes encontros, dedicados nas edicións anteriores á microtoponimia, os nomes e apelidos, os alcumes, os nomes das rúas e os nomes comerciais.

.