Noticias

Unanimidade na Deputación para pedir á Xunta unha canle xabarín con máis programación de calidade en galego para as crianzas

A deputada María Ortega manifestou a esperanza de que todas as forzas do Parlamento galego voten a favor da Proposición Non de Lei de Iniciativa Popular impulsada pola Mesa cando chegue á Cámara


29 xaneiro 2021
Canle xavarin

O Pleno da Deputación aprobou hoxe por unanimidade a moción do BNG para pedir á Xunta de Galicia unha canle Xabarín Club na TVG con máis programación de calidade en galego para as crianzas, en apoio á Proposición Non de Lei de Iniciativa Popular impulsada pola Mesa Pola Normalización Lingüística.

A deputada provincial de Lingua, a nacionalista, María Ortega, manifestou a súa esperanza de que –logo do acordo provincial- cando o texto se debata no Parlamento galego todas as forzas voten a favor para implementar medidas que "favorezan a lingua como parte da nosa identidade".

Ortega destacou que o artigo cinco do Estatuto de Autonomía de Galiza confire nos poderes públicos a obriga de potenciar o uso do galego en todos os ámbitos da vida pública, cultural e informativa, non obstante, destacou que "as políticas lingüísticas da Xunta de Galicia levan anos dicindo o contrario do que deberían". Como consecuencia, apuntou Ortega, o uso do galego "esmorece no mundo educativo e social, sobre todo entre as persoas máis novas".

"A medida que descende a idade da poboación mingua o uso do galego sendo as persoas máis novas as que menos empregan a nosa lingua. As crianzas da nosa provincia teñen unha relación pequena e decrecente co galego, igual que as de todo o país. É un segmento da poboación especialmente sensible, polo que é preciso esforzarse desde as institucións. A rapazada e a mocidade son estratéxicos e deles depende o futuro", dixo eloxiando a iniciativa da Mesa pola Normalización Lingüística.

A deputada de Lingua destacou que actualmente a rapazada galega ten a disposición moitas canles 24 h para o consumo audiovisual, mais todas en castelán., a diferencia doutros territorios que contan cun espazo con lingua propia. Ortega lembrou que Galiza foi precursora nos anos 90 na programación en galego, emitindo non só os mellores debuxos, senón tamén facendo unha boa produción musical e galega. "Hai 15 anos perdemos ese tren e é hora de recupéralo", insistiu.

Para chegar á unanimidade, aprobouse a emenda presentada polo PP ‘in voce' por Jorge Cubela, que puntualizaba a necesidade de esixir medidas non só ao Goberno galego, senón tamén ao Estado, ao Goberno central e ás Cortes Xerais, ao dispoñer estas de competencias exclusivas para que a Corporación de Radio Televisión Española emita os seus contidos con opción dobrada ao galego, así como para impulsar a recepción mutua da RTP-TVG en Galiza e Portugal.

Pola súa banda, a responsable provincial de Cultura, Victoria Alonso, resaltou que a día de hoxe están recollidas máis de 15.000 sinaturas en apoio á iniciativa da Mesa. Destacou que a canle é unha ferramenta útil para frear a perda do galego nas capas máis novas da sociedade e tamén achegar á calidade da TVG, da que dixo "está moi necesitada de ser dignificada" pola manipulación informativa. "Os seus profesionais levan 141 venres negros", apuntou Alonso.

Tras o debate, a deputada de Lingua, María Ortega, quixo agradecer a unanimidade da votación provincial, dirixíndose especialmente ao PP ao asegurar que "alédome que tomen o tema en serio. O Estado español ten as súas competencias –dixo- pero non perdamos de vista que é a Xunta quen debe implementar as accións". 

A presidenta Carmela Silva tamén se parabenizou pola unanimidade afirmando que o debate pola lingua é algo que nos interesa a todas as galegas e galegos, por iso "é adecuado que o debate rematara coa unanimidade e a engádega do PP".