Noticias

O XX Festival Internacional de Jazz de Cangas levará ao Morrazo concertos, Jam Sessions, masterclass, mesas redondas e obradoiros infantís

Terá lugar entre o domingo 20 e o mércores 23 de agosto e contará con grupos galegos, franceses, e portugueses


16 agosto 2017
Canjazz

Esta mañá presentouse no Concello de Cangas o XX Festival Internacional de Jazz que levará ao Morrazo 13 concertos, 4 Jam Sessions, 4 master classes, unha mesa redonda e un obradoiro infantil, entre os días 20 e 23 de agosto. Na presentación estiveron presentes dous membros da organización, Iago Fernández e Xan Campos, o concelleiro de Cultura, Heitor Mera, a alcaldesa en funcións, Mercedes Giráldez, e o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal. O deputado nacionalista salientou na súa intervención que o Canjazz "é un festival de referencia non só no Morrazo, senón a nivel de toda Galiza e que sigue avanzando na súa consolidación". Leal lembrou que o Canjazz é unha das propostas patrocinadas polo seu departamento ao abeiro da liña de axudas para festivais de música e artes escénicas, a través da que se colabora con eventos consolidados da provincia, que se desenvolven ao longo de varias xornadas, e que contemplan actividades paralelas orientadas á formación de novos públicos. Xosé Leal lembrou que no marco destas axudas en Cangas son tres os festivais patrocinados: o Canjazz, o Vilariño Folk e a Mostra Internacional de teatro cómico e festivo de Cangas. "Esta liña de axudas permítelle aos colectivos ter unha seguridade á hora de contar co apoio das administacións" asegurou Xosé Leal.

Un apoio no que tamén incidiu o concelleiro de Cultura, Heitor Mera, quen indicou que "coa chegada do novo goberno, e desde esta concellería, conveniamos a colaboración cos festivais que se celebran no concello, que antes só tiñan apoio loxístico e agora teñen tamén apoio económico". Mera aproveitou para cualificar o Canjazz como "un dos eventos máis fortes e máis populares de Cangas". Pola súa banda, a alcaldesa en funcións, Mercedes Giráldez asegurou que "sen o Canjazz, Cangas non tería verán". Mercedes Giráldez salientou do programa a inclusión dunha mesa redonda sobre "muller e jazz", que terá lugar o mércores 23 ás 20 horas na Capela do Hospital.

Os organizadores do festival salientaron do programa o amplo abano de actividades tanto de concertos como de actividades orientadas á creación de novos públicos como son as master classes e o obradoiro infantil de improvisación. O obradoiro, que se desenvolverá ente os días 21 e 13 no auditorio en horario de 11 a 13 horas, vai dirixido a rapazas e rapaces con idades comprendidas entre os 6 e os 12 anos e a inscrición ten un custe de 20 euros, agás para o alumnado de Mayeusis. As inscricións poden formalizarse no enderezo jazzcangas@gmail.com.

As master classes tamén terán lugar no auditorio municipal entre as 11 e as 13 horas, e correrán a cargo de Christopher Thomas e Laïka Fatien o luns; de Pablo Gutiérrez o martes; e de Joao Mortágua o mércores. Cada sesión ten un prezo de inscrición de 10 euros, ou de 25 euros para os tres días, mentres que o alumando de Mayeusis está exento do pagamento. En canto aos concertos, o domingo actuarán Felipe Villar Organ Trío, Daniel Juárez Quintet, e Tres Tristesen Trio. O luns será a quenda para Alejandro Vargas Trío, Laïka Quartet, e Dani Font's Chair Music. O martes para Canjazz Generation, Paco Charlín, e Diego Alonso Trío; e o mércores para Leonor Arnaut Quartet, Mónica de Nut, Ricardo Toscano Quartet, e Sunil López Trío.