Noticias

O Museo de Pontevedra aposta por novos públicos e por grandes artistas da historia recente

O certame Novos Valores, o programa "Somos do sexto", e a exposición resultante do Máster de Arte Contemporánea centran a aposta polos novos públicos e os artistas emerxentes


06 febreiro 2018
O Museo

O deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, e o director do Museo, Carlos Valle, presentaron esta mañá as 12 propostas que conforman o programa de exposicións temporais da institución museística provincial para o exercicio 2018. Leal puxo o acento na "continuidade" de accións encamiñadas a atraer novos públicos e promover artistas emerxentes, sen renunciar ás propostas históricas relacionadas coas coleccións do Museo, e ás sinerxías en colaboración con outras institucións. Precisamente entre estas colaboracións, tanto Leal como Valle citaron a mostra que abrirá o programa e que servirá para conmemorar o 75 aniversario da apertura do centro de recursos da ONCE en Pontevedra e para concienciar sobre a arte inclusiva, así como para promocionar aos artistas plásticos con cegueira ou con dificultades visuais graves.

"Este Museo sempre foi berce de artistas contemporáneos en cada momento da súa traxectoria e, neste sentido, os máis de 11.000 visitantes das dúas exposicións relativas ao certame Novos Valores demóstrannos que esta aposta é acertada" asegurou Xosé Leal. O deputado nacionalista lembrou que no ano 2016 a Deputación recuperou as bolsas de estudos artísticos como premio para os gañadores e gañadoras de Novos Valores e, a maiores, o Museo organizou unha exposición colectiva coa obra realizada durante as correspondentes estadías artísticas no estranxeiro. No marco da arte emerxente, o deputado tamén salientou a exposición resultante do Máster de Arte Contemporánea da que afirmou que "nos trae sempre as novas tendencias do momento". A estas propostas, Leal sumou a exposición do programa "Somos do sexto", realizada por alumnado con idades comprendidas entre os 8 e os 12 anos e coordinada polo colectivo Taller Abierto, e que denominou como "unha actividade orientada a novos públicos realizada por xente moi nova e á que lle auguramos un gran éxito".

Xosé Leal tamén citou como "o noso maior aval" a gran cantidade de propostas que o Museo recibe para acoller e realizar exposicións ano tras ano. Por último, tamén quixo destacar as sinerxías que o Museo de Pontevedra establece con outras entidades e administracións para ofrecer un programa de exposicións de calidade, así como o "acollemento que o Museo presta para outras propostas como a de ilustradores mexicanos en colaboración co Salón do Libro Infantil e Xuvenil de Pontevedra".

Grandes apostas

Carlos Valle salientou especialmente a exposición dedicada a Alejandro de la Sota e que será inaugurada nos días previos ao 1 de abril, por ser o Día das Artes Galegas que neste ano 2018 se lle dedica a este arquitecto pontevedrés. Unha mostra na que tamén fixo especial fincapé Xosé Leal ao asegurar que "ao ter o Ano Galego das Artes a un pontevedrés por protagonista, esta exposición porá ao Museo, a Pontevedra, e a toda a provincia como referente".

Valle indicou que a exposición "amosará capítulos non sempre ben coñecidos da súa biografía" e lembrou que "Alejandro de la Sota antes de se converter en arquitecto, primeiro quixera ser pintor". A este respecto indicou que "esa parte artística será analizada minuciosamente" na mostra que estará comisariada por Rafael López Torre, que se ocupará precisamente da etapa anterior ao traslado de De la Sota a Madrid para estudar arquitectura, e por Teresa Couceiro, que se ocupará da etapa do arquitecto tras afincarse na capital do Estado.

Entre as grandes exposicións, Valle tamén salientou a que se lle dedicará a José Solla durante o verán, ao que cualificou como "un dos grandes artistas vivos con proxección internacional". A mostra, que estará comisariada por Ramón Rozas, revisará a evolución deste artista nacido en Marín e residente desde hai moitos anos en Mar del Plata, Arxentina, pero que nunca rompeu os seus vínculos co Morrazo como terra de orixe.

No último trimestre do ano, as salas de exposicións temporais do Sexto repartirán o seu espazo entre catro exposicións máis. A primeira dedicada a Francisco José de Caldas que, en colaboración co Concello de Caldas de Reis, conmemora o 250 aniversario do nacemento deste científico que destacou en ámbitos como a botánica, astronomía, xeografía e enxeñaría, e con raíces familiares en Caldas de Reis, concello no que nacera seu pai. A segunda dedicarase á colección particular de Valle-Inclán, cedida para a súa exposición pola súa familia e que amosará os fondos reunidos polo propio escritor ao longo da súa vida. A terceira centrarase na estadía de Carlos Maside en Combarro, durante o ano 1952, e na sinal que tivo na traxectoria do artista. Amosará debuxos, apuntes, notas, acuarelas e óleos referidos a esta experiencia. E por último, a obra do ilustrador coñecido como ‘Sileno', pseudónimo de Pedro Villahermosa y Borao, pechará o programa deste exercicio. Esta mostra, realizada en colaboración co Museo ABC, exhibirá , ademais dunha extensa selección de debuxos, moitos deles orixinais dos publicados en El Heraldo de Madrid e outras cabeceiras madrileñas, fotografías, revistas e outros materiais que, por doazón do seu fillo político, o histórico futbolista pontevedrés Santiago Losada Amor, custodia o Museo de Pontevedra.

Programa (as datas son orientativas, poden variar en función de necesidades de montaxe)

1.       "Ver e tocar: exposición itinerante do Museo Tiflolóxico da ONCE" (8 de febreiro ata o 11 de marzo)

2.      "Somos do sexto" (16 de febreiro ata o 11 de marzo)

3.       Exposición sobre ilustración mexicana (5 de abril ao 27 de maio)

4.      "Alejandro de la Sota" (27 de marzo ata o 27 de maio)

5.       "Novos Valores. Bolsas 2017" (mes de xuño)

6.      "Máster de Arte Contemporánea" (5 de xuño ata o 8 de xullo)

7.       "Novos Valores. Obra seleccionada 2018" (2 de agosto ao 16 de setembro)

8.       "José Solla. Mostra retrospectiva" (27 de xullo ata o 23 de setembro)

9.      "Valle-Inclán íntimo: coleccionismo e indumentaria" (18 de outubro ata o 25 de novembro)

10.   "Francisco José de Caldas" (4 de outubro ata o 18 de novembro)

11.   "Sileno" (4 de decembro ata o 27 de xaneiro)

12.   "Carlos Maside en Combarro.1952" (13 de decembro ata o 27 de xaneiro)