Noticias

O Goberno provincial aproba outra partida de 105.000 euros para impulsar actividades de fomento da igualdade e contra a violencia de xénero

A Xunta de Goberno provincial deulle o visto bo ás bases reguladoras das subvencións a entidades sociais para iniciativas a prol da igualdade e contra as violencias machistas


10 febreiro 2019
Xunta de Goberno

"Unha vez máis nesta Deputación seguimos apostando por promover a igualdade entre mulleres e homes e a loita contra as violencias machistas. Desta volta aprobamos axudas para apoiar ás entidades sociais da provincia que impulsan actividades e iniciativas con este obxectivo". Así se manifestou a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, tras a Xunta de Goberno na que se lle deu o visto bo ás bases reguladoras das subvencións dirixidas a entidades de iniciativa social para o fomento da igualdade de oportunidades e a loita contra a violencia de xénero en 2019.

Silva salientou que "a loita contra as violencias machistas e o impulso da igualdade real entre mulleres e homes son liñas estratéxicas e transversais do noso Goberno, apostamos por elas cando chegamos á Deputación e así o seguimos facendo". As bases das subvencións aprobadas son axudas para que as entidades sociais desenvolvan proxectos, programas e actividades para a igualdade entre mulleres e homes e para a loita contra a violencia de xénero na provincia.

Trátase dunha liña de subvencións que este ano conta cun financiamento de 105.000 euros, 5.000 euros máis que en 2018. Poderanse sufragar distintas actuacións, entre as que están, por exemplo, actividades de sensibilización, formación e prevención; iniciativas que favorezan e fomenten a igualdade entre mulleres e homes; proxectos de atención integral ás vítimas; campañas de difusión e sensibilización entre a cidadanía; ou a creación de redes e servizos de apoio para favorecer a corresponsabilidade e a conciliación.

Os concellos poderán facer as súas solicitudes unha vez que saia publicada, no BOP da provincia, a convocatoria coas bases aprobadas. As axudas concederanse en réxime de concorrencia competitiva, valorándose os criterios obxectivos fixados nas bases, que xiran arredor de tres eixos: calidade e contido técnico da proposta (avalíase, por exemplo, a claridade na descrición do proxecto ou o seu carácter innovador), a incidencia social da iniciativa (valorando, entre outros, o número de persoas beneficiarias ou o traballo en rede con outros organismos ou entidades) e os recursos e capacidade de xestión da entidade (avaliando, por exemplo, o equipo profesional ou o esforzo económico para o autofinanciamento). En 2018 beneficiáronse destas subvencións un total de 25 entidades sociais pertencentes a 13 concellos da provincia.

O Goberno provincial, en Xunta de Goberno, tamén aprobou a semana pasada as bases reguladoras das subvencións a concellos de menos de 20.000 habitantes para o fomento da igualdade e a prevención da violencia de xénero, cun orzamento de 220.000 euros. Ademais, tamén se aprobaron as bases para o programa "Conectadas" para a realización de obradoiros a prol da igualdade e contra as violencias machistas, cunha partida de 324.000 euros.