Noticias

O deputado Uxío Benítez reúnese cos veciños de Cotobade para aclarar a situación da estrada de Almofrei

O responsable de Mobilidade explicou que a Deputación ten as portas abertas a realizar unha mellora da vía diferente á defendida polo alcalde


01 marzo 2019
Uxío Benítez reúnese cos veciños de Cotobade

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez reuniuse hoxe cunha representación da veciñanza de Almofrei (Cotobade) para aclarar a situación da estrada provincial EP-0405 Xesteira-Almofrei, para a que se está a solicitar unha reforma. Benítez explicou que o actual Goberno da Deputación ten as portas abertas a realizar unha mellora integral da vía seguindo os criterios de mobilidade actuais que fomentan a mobilidade peonil, e apostan polo calmado de tráfico e a seguranza viaria, pero insistiu en que descarta totalmente o proxecto que propoñía o anterior presidente provincial e que defende o alcalde Jorge Cubela. O nacionalista asegurou que, se o Concello insiste en defender a anterior proposta, a Deputación tamén está disposta a pasar a titularidade da vía ao municipio para que o Goberno local poida facer nela a reforma que considere oportuna cos cartos que se lle envían a través do Plan Concellos.

Benítez tomou a decisión de reunirse cos representantes veciñais logo da polémica xurdida pola reforma desta vía, comprometida polo Goberno de Rafael Louzán en 2015 despois das eleccións nas que perdeu a presidencia da Deputación. O deputado explicou aos veciños presentes que, á súa chegada, o actual Goberno detectou que o proxecto tiña eivas de autorizacións sectoriais e tomou a decisión de paralo administrativamente, xa que tampouco coincidía cos novos criterios que se ían aplicar na rede de estradas provinciais de evitar ampliacións de plataforma e cambios de trazado en vías de tránsito menor.

O nacionalista confirmou que a decisión de parar o anterior proxecto foi comunicada ao alcalde, a quen se lle formulou un posible cambio de formato da actuación na estrada ou a posibilidade de realizar un investimento noutra vía provincial dentro do concello, sempre seguindo os novos criterios de Mobilidade. Entón, lembrou Benítez, o rexedor manifestou a súa intención de ‘aparcar' o proxecto para Almofrei e dar prioridade ao investimento da Deputación para mellorar o núcleo da Chan.

O deputado de Mobilidade, neste sentido, manifestou á veciñanza o seu malestar polo feito de que o alcalde dese prioridade á actuación no núcleo da Chan, pero publicamente criticase a falta de actuacións na estrada de Almofrei, confundindo á cidadanía da zona cunha reclamación que el mesmo considerara secundaria.

Ademais, o deputado explicou que a Deputación, dentro do seu Plan de Renovación de Firmes incluíu a estrada EP-0405 para rehabilitar as zonas do asfalto en mal estado –uns 4.200 metros cadrados- co fin de sanear e renovar a capa de rodaxe por cuestións de mantemento e seguranza viaria. Estas obras de mantemento, dixo Benítez, estaban programadas para garantir a correcta conservación da vía por parte da Deputación, e de forma independente a calquera outro proxecto que se puidese realizar na estrada.

Ante as explicacións do deputado, as e os veciños presentes na reunión agradeceron a claridade do exposto e destacaron que en ningún momento foran coñecedores da posibilidade de levar adiante un proxecto alternativo diferente ao que coñecían desde o inicio. Indicaron que consideran moi necesario solucionar os problemas da estrada, que presenta curvas e puntos con mala posibilidade, e subliñaron que estarían dispostos a aceptar diferentes solucións técnicas. Así, saíron do encontro satisfeitos de que o Goberno provincial estea aberto a executar ou a deixar executar unha reforma na estrada.