Noticias

Mosquera: "a nova glorieta de Príncipe Felipe é unha solución extraordinaria para mellorar a mobilidade no centro e na súa contorna"

A deputada delegada do centro, Eva Vilaverde, anunciou novas actuacións no interior da cidade infantil seguindo "os criterios de mobilidade, seguridade e accesibilidade" do actual proxecto


16 maio 2018
Nova glorieta Príncipe Felipe

O vicepresidente da Deputación, César Mosquera, acompañado da deputada delegada de Príncipe Felipe Eva Vilaverde, e do concelleiro pontevedrés Demetrio Gómez Junquera, visitaron hoxe as obras da nova glorieta de acceso á cidade infantil Príncipe Felipe para supervisar a súa boa marcha. Mosquera constatou que a nova glorieta é "unha solución extraordinaria" para mellorar a mobilidade no propio centro e tamén na súa contorna, xa que ata o momento o acceso era inoperativo e supoñía un perigo para vehículos e peóns desde o punto de  vista da seguranza viaria.

Mosquera destacou que cando o grupo provincial nacionalista colleu a responsabilidade da Deputación fixo todo un programa de mellora de Príncipe Felipe para resolver deficiencias nas instalacións e tamén de funcionamento, "algunhas delas xa están feitas, outras están en marcha e outras cuestións que afortunadamente están resoltas, como as da UPA", dixo.

En calquera caso, había algo "moi elemental", segundo engadiu, que era a propia entrada da cidade infantil tanto para a circulación rodada dentro do concello como para o acceso ao interior de Príncipe Felipe. Explicou que no centro ao cabo do día móvense máis de 1.o0o persoas "nun cruce francamente desafortunado" situado en curva no que pasan vehículos a gran velocidade. Tamén destacou que o funcionamento era inoperativo para as persoas usuarias das instalacións, xa que nalgunhas ocasións para ir dun lado a outro tiñan que saír do recinto por un sitio polo que non había pasos de peóns. "Por outro lado había que mellorar o acceso para a propia dignidade do centro, xa que esta entrada parece máis a entrada doutro lugar, non dunha cidade infantil coma esta. Era terrible", destacou.

Co fin de solucionar a situación redactouse un proxecto, lembrou, para actuar en toda a entrada, "que vai quedar francamente digna e vai integrar a mobilidade peonil e a rodada cunha solución moi traballada. Agora non ten gran vista, pero si cando se acaben as obras en catro ou cinco meses e isto vai quedar cunha solución extraordinariamente digna porque o centro entendemos que así o merece".

En canto aos prazos, Mosquera destacou que os traballos comezaron hai menos dun mes e van finalizar dentro do prazo de execución previsto, en seis meses, se non hai ningunha complicación. "Xa nos gustaría telo feito antes, pero claramente vaise rematar dentro deste ano se non hai ningún inconveniente e vai cambiar radicalmente o funcionamento tanto da zona como de Príncipe Felipe. E vaise sumar á rolda, cando se faga, que está a punto de empezar e vai cambiar toda esta contorna", asegurou.

En canto ao investimento, o vicepresidente lembrou que a actuación rolda o medio millón de euros, mais destacou que "se costara máis, investiríase máis". Lembrou que a obra faise grazas a un convenio entre o Concello e a Deputación, facendo que parte do espazo do centro se incorpore para a construción da glorieta, pasando a ser público –municipal–.

Melloras no interior

A deputada delegada do centro, Eva Vilaverde, indicou que para as instalacións provinciais da cidade infantil a construción da nova glorieta "é unha obra fundamental na que levamos empeñados desde o principio, desde que chegamos ao Goberno, porque nos parecía fundamental desde o punto de vista de seguranza". A nacionalista lembrou que as persoas usuarias de Príncipe Felipe, aparte de ter un número moi amplo, teñen unhas características "moi sensibles que hai que coidar desde o punto de vista da seguridade, da mobilidade e da accesibilidade, tanto exterior como interior do centro".

Vilaverde lembrou que no interior das instalacións de Príncipe Felipe tamén se están a acometer outras obras de reforma en edificios "para mellorar e dignificar" todo o centro. "Melloramos o traballo de xestión, principalmente, pero agora tamén se están a visibilizar cara a fóra outros traballos. Esta obra vai servir para darlle empaque ao centro. Ademais estas obras están a ter en conta criterios de seguridade para as persoas usuarias, mobilidade e accesibilidade que aquí non estaban recollidos, porque non había zonas para que os peóns puidesen entrar ou camiñar con seguridade… Esta maneira de traballar de confeccionar as obras querémola levar cara dentro. Este é o comezo e desde aquí seguiremos traballando no interior. Para nós é fundamental que esta obra se saque adiante e que serva como exemplo do que queremos facer no interior".

Máis de 80 km/h

Pola súa banda, o enxeñeiro provincial Jaime Ruibal de Sola explicou que desde a Deputación estudiáronse as deficiencias existentes na zona do acceso a Príncipe Felipe antes de iniciar o proxecto. "Detectamos moitísima velocidade de vehículos –máis dun– pasando incluso a máis de 80 quilómetros hora. Os peóns saían do centro e quedaban nunha selva de asfalto e vehículos sen ter ningún tipo de protección nin áreas nin zonas seguras para transitar, xogar, merendar ou calquera cousa que quixeran facer", dixo, polo que a solución pola que se optou foi reordenar o tráfico con entrada e saída nunha glorieta delimitada por pasos de peóns sobreelevados para conseguir o calmado da velocidade de vehículos, reordenando tanto o acceso ao centro como o tránsito na propia estrada.

"Priorizamos sempre a seguridade do peón sen barreiras arquitectónicas ningunhas, con pasos de peóns sobreelevados e cunhas beirarrúas máis que dignas para que, polo menos, a xente á saída e á entrada do centro, desde o punto de vista do peón, poida facelo dunha maneira segura. Aquí entran persoas maiores, con cadeiras de rodas… O cambio é considerable, sempre prevalecendo a seguranza viaria, a seguranza peonil e facendo as cousas con cordura, cariño, mimo, dedicación… e moito traballo", finalizou.