Noticias

Máis de 200 persoas participan durante esta fin de semana nas excursións do programa "En ruta coa Depo"

Veciñas e veciños de 3 concellos da provincia de Pontevedra realizan visitas guiadas a lugares e monumentos de especial interese e cun alto valor turístico


30 novembro 2018
En Ruta coa Depo

O programa "En ruta coa Depo" organiza esta fin de semana 3 novas excursións nas que participan 216 persoas de 3 concellos da provincia. Estas excursións permitirán ás persoas participantes coñecer novos lugares da provincia de Pontevedra.

Máis polo miúdo, 54 persoas Asociación de Veciños Xabriña visitarán, en Meis, o Museo da Armenteira, a Ruta da Pedra e da Auga, os muíños do Batán, o monte do Castro e o pazo de Señoráns.

Tamén, 108 persoas da Asociación de Veciños de San Roque irán ao Castro de Santa Trega, na Guarda; ao Espazo Fortaleza, en Goián (Tomiño); ao conxunto histórico, ao monte Aloia e ao Alto dos Cubos en Tui.

E xa por último, 54 persoas da Asociación de Veciños Carballeira da Picoña coñecerán o Parque da Natureza do Río Barosa, en Barro; a antiga azucreira, o miradoiro do val do Umia e a exposición sobre Domingo Fontán, en Portas; o xacemento da Igrexa Vella de Santa Comba de Louro, en Valga; e as Torres do Oeste, en Catoira.

"En ruta coa Depo" ten por obxectivo mellorar a participación, a convivencia e a cohesión social dos distintos colectivos sociais da provincia , promovendo a igualdade de oportunidades para os colectivos con diversidade funcional, que antes non podían participar, así como ofrecer alternativas de ocio e tempo de lecer á poboación xuvenil da nosa provincia e promocionar rutas destinadas ás entidades de nais e pais que fomenten a convivencia e o intercambio de experiencias nas que participen activamente as nenas e nenos. O contido do programa consiste en pasar un día de convivencia pola provincia, mediante acompañamento dun guía que conte coa habilitación de guía de turismo especializado de Galicia e inclúe xantar e transporte.

No 2017 participaron na iniciativa "En ruta coa Depo" 17.501 persoas pertencentes a 410 entidades da provincia. Para este 2018 xa foron adxudicadas en total 23.000 prazas, 5.499 máis que o ano anterior.