Noticias

Luz verde do Goberno de Carmela Silva a investimentos por 1,7 millóns de euros en cinco municipios da provincia a través do Plan Concellos da Deputación

A institución provincial financia diversos proxectos de pavimentación, acondicionamento, mellora e reforma de espazos e vías públicas en Mos, Agolada, Moraña, Tui e Vilagarcía


26 outubro 2018
Plan Concellos 2018-2019

A Deputación de Pontevedra, en Xunta de Goberno, vén de aprobar novos investimentos nun total de cinco municipios da provincia no marco da liña 1 do vixente Plan Concellos. Trátase dun total de seis partidas por un total de 1.751.871,15 euros para Mos, Agolada, Moraña, Tui e Vilagarcía de Arousa.

En primeiro lugar, o Goberno de Carmela Silva ven de aprobar dúas achegas por un valor total de 1.348.730,47 euros para Mos, que con este investimento pecha o Plan Concellos 2018. Máis polo miúdo, 844.176,19 euros financiarán as melloras de seguridade viaria nas parroquias de Torroso, Cela e Tameiga; e outros 504.554,28 euros serán destinados a obras en 15 camiños municipais para dar solución ao mal estado da capa de rodaxe e ao firme. Este ano,  a través do Plan Concellos, a Deputación de Pontevedra destinou a Mos 1.655.652,94 euros, o que supón un 76,27 % máis que o ano pasado.

Para Agolada, o Goberno provincial autorizou un investimento de 64.440,63 euros que serán destinados á mellora e conservación de camiños da rede viaria municipal en 24 parroquias. A través do Plan Concellos, Agolada ten este ano 879.177,01 euros a súa disposición, un 73,5 % máis que no exercicio anterior.

No caso de Moraña, a Deputación deulle o visto bo a unha partida económica de 126.500,58 euros para para financiar o ensanche da plataforma e mellora do viario de acceso ao Outeiro, na parroquia de Amil. A través do vixente Plan concellos, a institución provincial destina a Moraña un total de 809.975,01 euros, o que supón un 74,11 % máis que en 2017. 

Pola súa banda, o Goberno de Carmela Silva aprobou unha achega de 61.980,01 euros para Tui que serán destinados á construción dunha nave industrial na que crearase un garaxe de camións de recollida de lixo do termo municipal da vila; dito garaxe estará situado na zona industrial de Albelos. Este ano, a través do Plan Concellos, a Deputación de Pontevedra destina a Tui 1.769.637,16 euros, un 76,35 % máis que no exercicio anterior.

Finalmente, para Vilagarcía de Arousa, a institución provincial autorizou un investimento de 150.219,46 euros para financiar a humanización da rúa Vázquez Leis, en Vilaxoán. A través do Plan Concellos, Vilagarcía ten este ano 2.411.533,08 euros a súa disposición, un 72,62 % máis que o ano pasado.