Noticias

Combarro converterase na capital europea da cultura marítima no mes de xuño

Do 29 de xuño ao 2 de xullo acollerá o Encontro de Embarcacións Tradicionais, a maior exhibición deste tipo no ámbito europeo


19 maio 2019
Embarcacións tradicionais en Combarro

O relatorio "O mar na historia de Galiza" que tivo lugar esta tarde no Sexto Edificio serviu como botadura do Encontro de Embarcacións Tradicionais, que terá lugar en Combarro do 29 de xuño ao 2 de xullo, organizado pola Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, Culturmar. Na presentación estiveron presentes Manuel Sendón, presidente de Culturmar, Pablo Carrero, da xunta directiva da mesma asociación, Joaquín Fabeiro, coordinador local, e Xosé Leal, deputado de Cultura e Lingua. Ademais, desde esta tarde permanece instalada unha dorna no exterior do Sexto Edificio como elemento de promoción deste evento.

"No Ano do Patrimonio a cultura tradicional marítima é unha das nosas grandes apostas, e un evento de carácter internacional coma este sitúa a Combarro na capital europea das embarcacións tradicionais" sinalou o deputado nacionalista durante a súa intervención. O Encontro, de periodicidade bienal e carácter itinerante por distintos portos de Galiza, é a exhibición deste tipo máis importante neste eido, e reúne embarcacións de todo o país e tamén foráneas, de lugares como Portugal, País Vasco, ou comunidades do Mediterráneo. Xosé Leal lembrou ademais que na provincia de Pontevedra aínda se manteñen dúas das poucas carpinterías de ribeira que se conservan no pais, ás que cualificou como "testemuñas vivas dunha longa tradición que é preciso conservar e dar a coñecer como elemento diferenciado da nosa identidade industrial e cultural". 

Ademais da concentración de embarcacións tradicionais, as catro xornadas do Encontro compleméntanse con outro tipo de actos culturais e de lecer, como xornadas de conferencias, coloquios, exposicións, publicacións, música e danza tradicional, ou mostras de artesanía. Estas actividades complementarias tamén contemplan obradoiros infantís, con elementos lúdicos vinculados co mar; e obradoiros inclusivos, concibidos especificamente para persoas con discapacidade física, sensorial ou intelectual como, por exemplo, o programa "Sentir o mar" para persoas con discapacidade visual. Ademais, cada unha das xornadas incluirá un concerto de peche.

Segundo a federación organizadora, a organización do Encontro ten por obxecto principal poñer de manifesto a riqueza do patrimonio marítimo e fluvial galego e a necesidade de conservalo; así como amosar o traballo no eido da recuperación do patrimonio feito polas asociacións. Tamén queren incidir nun aspecto que non sempre é percibido en relación ao traballo que desenvolven respecto do Patrimonio Marítimo Galego en xeral e dos Encontros de Embarcacións Tradicionais en particular, como é a dinamización das comunidades mariñeiras.

A través destes Encontros, Culturmar pretende poñer en valor sectores como a carpintería de ribeira, a velaría, os efectos navais, artesáns, e protexer, conservar e divulgar o Patrimonio Marítimo Galego. Tamén intenta potenciar e estimular os atractivos turísticos das comunidades da beiramar axudando a un turismo sostible.