Noticias

Barro recibe o martes o programa "Mulleres en acción. Violencia zero" coa danza de Amparo Novas

A deputada de Igualdade, Isaura Abelairas e o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández, asistirán á acción artística A solas xunto ao alumnado e profesorado do IES e CPI de Barro


23 abril 2018
Mulleres en acción. Violencia zero 2017-2018

A deputada provincial de Igualdade, Isaura Abelairas, acompañada polo alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández, e de máis dun centenar de alumnas, alumnos e docentes do CPI e do IES do concello, asistirá este martes 24 de abril ás 12:15 horas, na Nave da Música, á nova intervención artística do programa "Mulleres en Acción. Violencia Zero", a iniciativa que ten por obxectivo darlle visibilidade á loita contra as violencias machistas así como dar a coñecer o traballo de novas artistas contemporáneas que están a traballar a prol da igualdade.

A protagonista será a canguesa Amparo Novas, que representará a súa obra A Solas, coa que amosará a través dun espectáculo de danza a fraxilidade e fortaleza dunha muller en situacións críticas. Novas, licenciada en Pedagoxía da Danza polo Institut do Teatre en Barcelona, empezou a súa carreira profesional no ano 1998 na compañía Danza do Noroeste, en Viana do Castelo (Portugal). A partir de aí transitou por diferentes compañías como Druída Danza (A Coruña), Compañía Fernando Hurtado (Málaga), Centro Coreográfico Galego (A Coruña) ou Sólodos Danza (Galicia-Costa Rica).

"Mulleres en Acción. Violencia Zero"  reúne o traballo de 25 artistas especializadas en diferentes modalidades como son a pintura, a música, a danza, o teatro, a poesía, o graffiti ou a performance, vinculadas todas elas pola vontade de ofrecer na súa obra un firme discurso en favor da igualdade de xénero. Esta terceira edición comezou en novembro de 2017 e novamente terá lugar este ano en 25 concellos da provincia (Vigo, Pontevedra, Cerdedo-Cotobade, Mos, A Lama, Forcarei, As Neves, Lalín, Cambados, Ponteareas, Barro, A Cañiza, Valga, Silleda, Catoira, Gondomar, A Guarda, A Illa de Arousa, Bueu, Moaña, O Porriño, Ribadumia, Vilagarcía de Arousa, Mondariz e O Rosal).