Noticias

A provincia de Pontevedra, protagonista en Porto da acción de promoción turística da Deputación

A presidenta da Deputación aproveitou a presencia de representantes das cámaras municipais do norte de Portugal para reivindicar a necesidade de "compartir o que nos une, sumar sinerxías e abrir canles de colaboración en materia de promoción turística"


24 abril 2018
pormoción turística

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, xunto ao deputado de turismo, Santos Héctor Rodríguez, presentou onte da man da presentadora portuguesa e influencer María Cerqueira Gomes, "Somos historias". Deste xeito, a campaña que está a promover este ano a institución provincial e na que se pon en valor os recursos patrimoniais de todas as comarcas de Pontevedra chega por vez primeira ata o país veciño, tras ter pasado pola Feira Internacional de Turismo FITUR e polo Teatro Rialto da Gran Vía madrileña.

O emblemático Palacio da Bolsa da cidade portuense acolleu a máis dunha trintena de turoperadores, axentes turísticos, representantes institucionais das cámaras municipais de Valongo, Póvoa de Varzim, Paredes, Santo Tirso e Barcelos así como do Departamento Operacional do Turismo Porto e Norte de Portugal e medios de comunicación para presentar a campaña de promoción de Rías Baixas que o goberno de Carmela Silva escolleu neste 2018 ao abeiro do Ano do Patrimonio. "Convidámolos a visitar a provincia de Pontevedra, un territorio máxico con moitas historias que contar, que queremos dar a coñecer ao mundo. Un destino que teñen moi cerca e onde serán recibidos e recibidas cos brazos abertos en establecementos de calidade e innovadores. Unha provincia que poden visitar durante todo o ano", destacou Carmela Silva.

Na súa intervención, a presidenta da Deputación fixo un repaso polas diferentes comarcas resaltando a riqueza patrimonial da provincia de Pontevedra e a súa necesaria posta en valor.

Pontevedra

O paso do Camiño Portugués por Pontevedra e o patrimonio histórico e cultural da cidade, con elementos como o Museo de Pontevedra ou A Ferrería foron elementos protagonistas da presentación de "Somos historias" en Porto. Xunto a eles, todos os concellos polos que transcorre o Camiño Portugués cara Compostela formaron parte da acción de promoción impulsada pola Deputación de Pontevedra na cidade portuguesa.

Ademais, a presidenta da Deputación deu a coñecer elementos patrimoniais da comarca como o castelo de Soutomaior, "que axiña reabrirá as súas portas ao público", ou o mosteiro de Poio, "cunha biblioteca única". Tamén tivo palabras Silva para os #RíasBaixasFests, enxalzando o festival PortAmérica, "que terá lugar nunha carballeira en Caldas de Reis", e puxo en valor o termalismo, destacando localidades con augas mineromedicinais como Caldas de Reis e Cuntis.

Vigo

Carmela Silva converteu ás illas Cíes en protagonistas da acción promocional, ao poñer en valor a importancia deste espazo desde o punto de vista do patrimonio natural que "aspiramos a converter en Patrimonio da Humanidade". Sobre as illas, Silva detallou as "impresionantes vistas" delas mentres se percorre o Camiño Portugués pola Costa. 

Sen saír da cidade de Vigo tamén tivo un papel protagonista o festival do Marisquiño, integrante dos #RíasBaixasFests, que se celebra cada ano "a carón do mar", así como outros elementos do patrimonio olívico como o pazo Quiñones de León e os seus xardíns.

Xunto á cidade de Vigo, tamén formaron parte da promoción turística da provincia de Pontevedra recursos turísticos relacionados co patrimonio fortificado, como o Castelo de Sobroso, ou co patrimonio espiritual, representado polo mosteiro de Santa María de Oia, "a carón do mar" e festas de interese turístico como A Arribada de Baiona ou o Corpus de Ponteareas. De igual modo, o Camiño Portugués pola Costa, "e as súas impresionantes vistas", e o Camiño Portugués Tradicional, así como todos os concellos polos que transcorren ambas rutas foron protagonistas da presentación de "Somos Historias" en Porto.

O Salnés

A presidenta da Deputación de Pontevedra puxo en valor a riqueza patrimonial da comarca do Salnés na que ademais dos recursos históricos e culturais destacan valores de importancia para a promoción do destino como son o termalismo e o enoturismo, os #RíasBaixasFests, as rutas cara Compostela e as festas de interese turístico. Máis polo miúdo, Carmela Silva presumiu da gastronomía e dos viños da D. O. Rías Baixas, "a segunda máis importante de España", que se estenden pola comarca. Tamén enxalzou o termalismo, poñendo en valor a importancia da vila do Grove neste eido.

En canto ao patrimonio espiritual, a presidenta da Deputación de Pontevedra falou ao público portugués presente sobre o cemiterio de Santa María de Dozo, en Cambados, "que polo seu valor artístico forma parte da Ruta Europea dos Cemiterios Singulares", ou o mosteiro da Armenteira, "do que se fala nas Cantigas de Alfonso X O Sabio", e as rutas pola comarca cara Compostela. Ademais, Carmela Silva tamén promoveu os  #RíasBaixasFests, "con festivais en illas como o Atlantic Fest da Illa de Arousa ou a carón do mar como o Revenidas de Vilagarcía" e enxalzou festas de interese turístico como a Romaría Vikinga de Catoira.

Deza

A presidenta da Deputación de Pontevedra puxo en valor a riqueza patrimonial e cultural das comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes, destacando as dúas vías que transcorren cara Compostela polo interior da provincia como a Vía da Prata e o Camiño de Inverno. Xunto a estes elementos, Carmela Silva tamén fixo fincapé nos recursos naturais das comarcas, enxalzando a fervenza da Toxa en Silleda ou fragas como Catasós en Lalín.

Ademais, mosteiros como o de Carboeiro en Silleda e Santa María de Aciveiro en Forcarei formaron parte da presentación da acción de promoción de "Somos historias" en Porto. Do mesmo xeito que pazos como Oca na Estrada e Liñares en Lalín ou centros culturais como Castrodeza foron protagonistas da presentación do destino Pontevedra provincia na cidade portuguesa.

A riqueza patrimonial da provincia

A presidenta provincial explicou que os obxectivos da campaña "Somos historias" están centrados na divulgación do patrimonio, "desde castelos a fortalezas, de castros arqueolóxicos a mosteiros, de illas paradisíacas e marismas a ríos e fervenzas do interior, de escritores e escritoras universais a mitos e lendas. Unha terra de mar, bosques e paisaxes marabillosos, cunha cultura milenaria e unha gastronomía recoñecida no panorama internacional", asegurou a presidenta da Deputación.

En Porto a presidenta da Deputación falou da figura de María Vinyals así como de Pedro Madruga e os seus lazos co castelo de Soutomaior, "unha xoia do noso patrimonio que reabrirá as súas portas ao público a partir do 12 de maio". Pero tamén recordou outros elementos do patrimonio relacionados coa historia de galaicos e fenicios, co patrimonio natural e paisaxístico a través dos espazos naturais e dos xardíns de excelencia internacional, como o do castelo, "con máis de 200 variedades de camelias e árbores centenarias".

Ademais, Carmela Silva aproveitou a acción promocional do destino Pontevedra provincia para poñer en valor os lazos entre o sur de Galicia e o norte de Portugal, así como enxalzou a Porto, "símbolo de vangarda e cidade moderna, cosmopolita, cultural e de tendencias". "Cada ano nos visitan preto de 200.000 portuguesas e portugueses e este país é, tras España, o primeiro en afluencia turística. Compartimos estreitos lazos con Portugal, un pobo irmán: idioma, cultura, historia, costumes, fermosos paisaxes e unha forma de vivir. Hai unha grande proximidade e enorme cariño e sabemos que é recíproco", resaltou a presidenta provincial. Neste eido, Silva destacou a necesidade de "compartir o que nos une para crear proxectos de promoción turística comúns xa que, neste mundo global, sumar sinerxías é unha manifestación de intelixencia e na provincia de Pontevedra e no norte de Portugal hai moito talento".