Noticias

A Deputación trae a Pontevedra a exposición ‘A casa de Galicia.50 anos da Casa de Rosalía' da man da Fundación Rosalía

A inauguración contou esta tarde coa presidenta Carmela Silva, a deputada de Lingua María Ortega e o presidente da Fundación Anxo Angueira


29 novembro 2021
Inauguración da exposición ‘A casa de Galicia.50 anos da Casa de Rosalía'

A Deputación de Pontevedra, a través do seu departamento de Lingua e en colaboración coa Fundación Rosalía, vén de estrear na cidade do Lérez a exposición ‘A casa de Galicia.50 anos da Casa de Rosalía', unha mostra na que se repasa a historia deste museo e se lembra o fito que supuxo en pleno franquismo conseguir mercar, restaurar e musealizar esta Casa grazas á colaboración de milleiros de persoas.

A mostra, que se pode visitar no paseo de Montero Ríos, diante da Deputación Provincial, está comisariada por Pepe Barro, tamén autor da museoloxía da Casa-Museo. Na apertura estiveron presentes a presidenta da Deputación de Pontevedra Carmela Silva, a deputada de Lingua María Ortega e o presidente da Fundación Rosalía, Anxo Angueira.

A mostra fai un repaso pola historia da Casa-Museo que se abriu ao público o 15 de xullo de 1971, en pleno franquismo, grazas á implicación de milleiros de persoas e entidades de todo o país e da emigración. O Patronato Rosalía, creado en 1947, convertérase antes en refuxio do galeguismo con actos, como a Misa de Rosalía en Bonaval, que eran auténticos encontros de afirmación galeguista. Nin sequera o franquismo puido facerlle fronte á vontade popular de recuperar a Casa.

Daquela participaron centos de persoas anónimas de Galicia a partir da proposta de José Manuel Rey de Viana, organizáronse colectas en moitas vilas e en case todos os centros galegos na emigración, uníronse máis de 70 concellos, varios bancos, equipos de fútbol e innumerables asociacións de todo o país.

Construír a nosa identidade

A presidenta Carmela Silva amosouse "entusiasmada" de poder ter a exposición diante da sede da Deputación en Pontevedra: "É unha fermosa estrutura encrucillada que será unha fiestra para que toda a cidadanía poida coñecer unha casa que é patrimonio de todas as galegas e galegos, e o lugar onde vivía a muller que nos representa como país", dixo.

Salientou que a cidadanía terá a oportunidade de coñecer a súa historia, desfrutar dela, perdéndose nun paseo ao pasado e ao presente "para seguir construíndo a nosa identidade, o noso futuro", e engadiu que "os pobos avanzan cando teñen coñecemento dos grandes acontecementos que os constrúen como comunidade". "Sen dúbida, "A casa de Rosalía", -dixo-  a súa restauración para converterse no museo dedicado á figura da gran Rosalía, foi imprescindible para que non se perderan fitos tan relevantes da nosa historia e, tamén, para seguir afondando no coñecemento de quen é o maior referente da nosa terra".

"Quero resaltar a importancia de que vai permitir que se achegue Rosalía con forza á xente nova, porque é imprescindible que coñezan, desfruten e amen un espazo onde vive unha parte tan sinalada da nosa historia e a vida toda da muller máis influínte de Galicia", finalizou.

Mecenas da Fundación Rosalía

Pola súa banda, a deputada de Lingua María Ortega, explicou que a visita da exposición sobre a casa da Matanza a Pontevedra e á Deputación débese a que a administración provincial é dende o pasado verán ‘mecenas' da Casa Rosalía e a que existe unha grande vontade de colaboración entre ambas entidades.

Indicou que Rosalía "debe seguir a ser a bandeira de Galiza" e que a Deputación e o departamento de Lingua en particular seguirá a organizar actividades de maneira continua da man da Fundación para poñer en valor a figura da escritora, "a máis representativa e carismática da literatura galega, e referente xeral pola súa maneira de entender o país".

A nacionalista salientou que a recuperación da Casa de Rosalía grazas á vontade popular e na defensa do galeguismo foi unha mostra da forza que pode facer o pobo galego para reivindicar o seu patrimonio material e inmaterial seu incluso ante "axentes neutralizadores" como os do franquismo.

Fotos