Noticias

A Deputación destina 550.000 euros a axudas para actividades do Ano Castelao e de fomento do galego

Son dúas liñas, cunha partida de 275.000 euros cada unha, que poderán solicitar as persoas físicas e xurídicas sen fins de lucro


22 feb 2016

Co obxecto de promover e fomentar actividades culturais enmarcadas dentro do Ano Castelao, o departamento provincial de Cultura e Lingua convoca, en réxime de concorrencia competitiva, axudas por un importe total de 275.000 euros. Tamén en réxime de concorrencia competitiva e por importe de 275.000 euros convoca unha liña de dinamización e uso do galego. Ambas as liñas están dirixidas a persoas físicas e xurídicas sen fins de lucro.

Cómpre sinalar que esta liña de dinamización do galego para organizacións sen fins de lucro é unha liña independente das axudas para dinamización lingüística orientadas a concellos e entidades locais. As liñas de axudas para organizacións sen ánimo de lucro poderán solicitarse entre o 24 de febreiro e o 23 de marzo.  

A liña para a realización de actividades culturais do Ano Castelao contempla accións que melloren a calidade de todas as manifestacións culturais e, en especial, das disciplinas que cultivou Alfonso Daniel Rodríguez Castelao ou as que estean relacionadas coa súa figura e que contribúan á modernización e recuperación da cultura galega. Nesta liña de axudas contémplase o financiamento de actividades coma as xornadas e os eventos relacionados coa memoria histórica; as actividades relacionadas co patrimonio histórico-artístico e arqueolóxico; os festivais de corais, de música e de baile tradicional; os intercambios culturais; así como outros eventos nos que se faga referencia á figura de Castelao.

A liña de dinamización do galego busca fomentar actividades encamiñadas á dinamización desta lingua que realicen as entidades sen ánimo de lucro no seu termo municipal, co fin de promover o uso do idioma no ámbito socioeconómico e, en xeral, en todos os sectores que teñan repercusión social. Para acadar estes fins contémplase o financiamento de actividades coma certames literarios, xornalísticos e teatrais; festivais de música; accións de fomento do galego na cultura, o comercio e as tecnoloxías da información e da comunicación; e recoñecementos a persoas e colectivos que aposten pola lingua.

Desta convocatoria quedan expresamente excluídas as viaxes de lecer, excursións, festas gastronómicas e festas populares, así como os gastos gastronómicos -agás cando garden relación directa coa actividade e sexan necesarios para o seu desenvolvemento-. Tamén se exclúen as actividades subvencionadas no mesmo exercicio a través doutras convocatorias de subvencións ou plans provinciais da Deputación, os gastos de funcionamento das entidades, os gastos correntes, os gastos de persoal da propia entidade e as actividades xerais que se realicen ao longo de todo o ano.

Para solicitar estas axudas as persoas físicas e xurídicas deben carecer de fins de lucro e desenvolver as súas actividades no ámbito territorial da provincia de Pontevedra -aínda que, excepcionalmente, poderán ser de fóra da provincia se as actividades versan sobre temas de interese para esta-. Non poderán beneficiarse destas subvencións as ANPA nin as asociacións que teñan pendente de xustificar subvencións concedidas no exercicio anterior no mesmo programa. 

Para a adxudicación destas subvencións as bases reguladores contemplan catro criterios: a difusión da actividade (segundo sexa de ámbito local, provincial, nacional ou internacional), o orzamento total da actividade, a porcentaxe solicitada de financiamento e a adecuación da actividade ao interese provincial.