Noticias

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega e a Deputación organizan o ciclo de conversas "Fálase de…" para abordar a actualidade desde unha perspectiva galega

O cambio climático, as mulleres no deporte de competición, a guerra comercial entre a China e os Estados Unidos, a emigración e o xornalismo serán os temas centrais


15 novembro 2019
Faladorios AS-PG

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG) e a Deputación de Pontevedra organizan un ciclo de conversas que pretende abordar a actualidade desde unha perspectiva galega. Co título "Fálase de…" os coloquios centraranse en temas coma o cambio climático, as mulleres no deporte de competición, a guerra comercial entre a China e os Estados Unidos, a emigración na Galicia actual e o xornalismo.

Na presentación do ciclo a deputada de Lingua, María Ortega, destacou a satisfacción da Deputación por colaborar coa AS-PG, coa que —dixo— "xa fomos da man de maneira institucional noutras iniciativas, como as Escolas de nais e pais". Lembrou que, durante os seus 30 anos de existencia, este movemento de renovación pedagóxica pioneiro en Galicia tivo unha importancia chave no proceso de normalización lingüística do galego. Agradeceu tamén "o seu compromiso coa cultura galega, a promoción e realización de debates e xornadas coma as que estamos hoxe aquí a presentar e que, neste caso, fan que persoeiros abondo coñecidos da nosa contorna dialoguen sobre temas que son trending topic".

Pola súa banda, a representante da directiva da AS-PG, Carme Vilariño, explicou que "Fálase de…" é un proxecto que ten como finalidade "crear un espazo divulgativo e formativo tanto sobre a actualidade galega como sobre temas que afectan o país de calquera xeito". Serán conversas entre dúas persoas para despois abrir un coloquio co público asistente.

"Pretendemos que estes faladoiros sexan un punto de reunión e encontro de todas aquelas persoas interesadas en temas que afectan directamente a realidade e a sociedade na que vivimos", dixo, para engadir que "unha sociedade con coñecemento é máis libre, máis consciente de si mesma e ten máis dignidade".

Vilariño destacou que a cidadanía se atopa, na maior parte dos casos, con moita información tendenciosa, parcelada, inmediata e efémera que circula polas redes sociais, e que se precisa tempo e esforzo para a peneirar, "tempo do que se carece", polo que "a chamada sociedade da información chega a converterse en sociedade da confusión".

Así mesmo, a voceira da AS-PG fixo unha chamada a dotar os medios públicos de espazos para a formación, xa que son canles de importancia vital para transmitir coñecementos a todos os niveis. "Hai un desleixo total. Unha boa mostra é como un programa de divulgación científica, coma Efervesciencia, da Radio Galega, pasou a emitirse ás doce da noite ou a suspensión do diario cultural que recollía e daba conta da realidade creativa e artística do noso país. Hoxe podemos dicir que este medio, coma outros, son espazos ermos", subliñou.

Como obxectivos básicos dos faladoiros que comezarán a vindeira semana a AS-PG apunta os seguintes: descubrir a importancia dos distintos contextos educativos máis alá dos sistemas regrados de aprendizaxe, fortalecer criterios propios de opinión, crear conciencia de que o saber ocupa lugar e fai persoas máis libres e con máis capacidade de decisión e tecer redes de coñecemento para enriquecer a comunidade.

Programa

O ciclo de conversas comeza o mércores 20 de novembro ás 20 h co faladoiro "Tensión estratéxica China-EE. UU. Fálase de guerra comercial entre China e EE. UU", no que participarán Marola Padín Novas, colaboradora do IGADI e analista do Observatorio da Política Chinesa (OPCh), e Fernando Arrizado Abuín, xornalista actualmente responsable da sección de novas internacionais de Nós Diario.

O venres 22 de novembro, tamén ás 20 horas, falarase de "Por que o cambio climático é a maior ameaza da historia?" da man do doutor en Ciencias Químicas Manuel Vicente, quen desde outubro de 2006 dirixe e presenta o programa de divulgación científica da Radio Galega Efervesciencia, e do xornalista científico de La Voz de Galicia Xavier Fonseca.

O mércores 4 de decembro terá lugar "Fálase de xornalismo. Que xornalismo precisa o momento actual? Cales deben ser os seus códigos de actuación?", coa directora de Sermos Galiza, María Obelleiro, e co tamén xornalista Rafa Cabeleira, colaborador habitual en medios escritos coma El País, Diario As, Diario de Pontevedra, El Progreso ou a revista cultural Jot Down.

Finalmente, o mércores 11 de decembro o tema central serán "As mulleres no mundo do deporte de competición", que contará coa participación de Vero Boquete, futbolista profesional, actualmente nas filas dos Utah Royals FC (Salt Lake City, EE. UU.) e xogadora profesional en España, Estados Unidos, Rusia, Suecia, Alemaña, Francia ou a China en clubs tan importantes coma o Paris Saint-Germain e o FC Bayern Munich. Tamén participará Cristina López Villar, profesora da Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física na Coruña e integrante dun grupo de investigación con diferentes liñas sobre o deporte e o feminismo. Entre os seus traballos destaca a publicación do libro Pioneiras do deporte en Galicia.

Programa pdf

Audios

  • Audio