Mulleres en acción violencia zero 2017/2018

"O devezo da balea", Tamara Andrés

Mércores 20 de decembro, ás 10:30 h
Multiusos As Pozas, Mos

Tamara Andrés

O devezo da balea

"É nena",/dixo o home./Intuín entón/que non habería
espazo/para o baleiro entre as miñas falanxes.

 

A través dos conceptos "casa", "xardín" ou "mar" a autora crea unha narrativa poética persoal da figura feminina, onde as imaxes fílmicas cobran especial relevancia. Os textos, extraídos dos poemarios Recuperar as mans (título recuperado de María Xosé Queizán) e Corpo de Antiochia, tecen unha (de)construción da consideración xeral da muller no noso contexto. Ao longo da peza móvese o foco sobre a capacidade creadora e a liberdade feminina.

Tamara Andrés (Combarro, 1992)

Compaxina a escrita coa tradución, a interpretación e a actividade docente. Actualmente prepara a súa tese sobre o concepto de tradución privada na poesía galega contemporánea de autoría feminina.

No ano 2015 gañou o Premio de Poesía O Facho co poemario Nenæspiraes, publicado con posterioridade co selo da editorial Medulia. O seu texto Xogos surrealistas foi destacado polo xurado nos Premios da Universidade de Vigo en 2014. Nestes premios conseguiu o segundo galardón co poemario Recuperar as mans en 2017, ano no que gañou o segundo premio do Certame Díaz Jácome de Mondoñedo coa obra O suicidio da camelia. Ademais no 2017 publicará os poemarios Corpo de Antiochia coa editorial Galaxia e Habit(u)ar las casas con LeTour1987. Na prosa tamén obtivo diversos premios e publicou Amentalista.