Mulleres en acción violencia zero 2017/2018

"Proxecto Aurora", Mónica Camaño

20 de setembro, ás 12 h,
Praza do Concello do Porriño

Mónica Camaño

Título: Proxecto Aurora

Ata cando?

Ata cando calando?

Ata cando atacándonos?

Ata cando atoutiñando na sombra?

Hai palabras que feren porque enraizaron nas arestas da pedra.

Afogadas na opacidade disfrazada de transparencia ou inxectadas de filosofía light, esquecemos construír novos camiños e teimamos no uso dos tempos pasados, cando a nosa fala, a nosa vida, naceu chea de futuros conxugados. STOP!

Conquistaremos as cores.

Dirannos guilladas cando comecemos a agatuñar polas pólas, lonxe das raíces podres, bañadas de luz. E mudaremos a pel na procura dos códigos comúns.

Porque temos a vontade de facer nosas as palabras, para que canten os nosos soños e esquecermos a saudade.

Si, conquistaremos as cores.

Mónica Camaño (Cangas)

A actriz, ao tempo que estudaba Filoloxía Galego-Portuguesa, comezou a súa carreira profesional no teatro baixo a dirección de Manuel Lourenzo. No ano 2008 recibiu o Premio María Casares como mellor actriz secundaria por Emigrados, de Teatro de Ningures, compañía na que traballa con Júlio Cardoso, Roberto Vidal Bolaño, Xan Cejudo, Álvaro Lavín, Celso Parada, Cristina Domínguez ou Etelvino Vázquez .

No audiovisual participou en series como Serramoura, O Códice, Matalobos, Cuarto sen ascensor, As leis de Celavella, Terra de Miranda, Maridos e mulleres ou Efectos secundarios; en longametraxes como Doentes, A biblioteca da iguana, O bosque de Levas ou O club da calceta; e nos documentais Hai que botalos, Santa Liberdade, Liste pronunciado Líster e A cicatriz branca.

No ano 2013 recibiu o Premio Maruxa Villanueva ao labor teatral promovido polo Concello de Padrón e en 2017 o Xoglaresa de Outono do FIOT de Carballo.

Galería de fotos