Mulleres en acción violencia zero 2017/2018

"Pasillo", Isabel León

Edificio Socio-cultural do Centro Penitenciario de A Lama

Isabel León

Título: Pasillo

Non lle gusta falar do sufrimento porque lle doe demasiado. Non lle resulta fácil crear unha acción sobre un tema que pon de manifesto a crueza da especie humana. Considera que é algo grave que non pode ignorar aínda que lle custe.

Só sabe que pode falar da violencia sen ser violenta. Só pode falar da dor desde o amor. O amor é poder e é forza. Só quere imaxinar mulleres poderosas e fortes… Mulleres que rompen, atravesan e saen do afogo da violencia. Mulleres que se aman.

"Para elas (para min) é esta acción"

Isabel León

Artista visual, dinamizadora cultural independente e docente, está licenciada en Belas Artes pola UPV e ten un mestrado oficial en Produción e Investigación en Arte pola UGR. A súa obra evolucionou desde a fotografía e o vídeo á arte de acción, práctica á que se dedica desde 2007 case de maneira exclusiva, participando en numerosos festivais, encontros de arte de acción e residencias tanto nacionais como internacionais. Coordina xunto a Ana Matey o proxecto de investigación en comunicación e performance EXCHANGE Live Art.

"Concibo a creación artística como un acto estreitamente vencellado á vida, polo que as miñas obras precisan ser sinceras e estar conectadas coas miñas experiencias persoais e a miña cotidianidade. Interésame o mínimo e o aparentemente insignificante, motor e inspiración do meu traballo, adoitando estar vinculado á memoria e ás lembranzas, así como sobrio en canto a necesidades técnicas e materiais".