Mulleres en acción violencia zero 2017/2018

"A última cea", Verónica Ruth Frías

Sábado 25 de novembro, ás 18 h
Rúa Príncipe, Vigo

"A última cea", Verónica Ruth Frías

Título: A última cea

A última cea, ideada por Leonardo da Vinci a finais do século XV para a capela de Santa Maria delle Grazie, en Milán, serve como referente para esta performance. Verónica Ruth Frías colle emprestada a escenografía do famoso fresco pero substitúe as figuras masculinas por femininas: agora só hai "apóstolas", mulleres das diferentes manifestacións artísticas e culturais da cidade, algunhas delas tamén nais, o que supón outro punto de inflexión nunha iconografía que experimentou poucas variacións sobre a canónica.

A performance comeza cunha escena estática que imita as poses da obra de Leonardo e na que todas as intérpretes permanecen inmóbiles, impasibles e expectantes. Esta quietude reflexiva dá paso, nun momento dado, ao movemento e á desorde provocada pola entrada das fillas daquelas participantes que son nais, rompendo o silencio e a paz que reinaba ata ese momento.

Verónica Ruth Frías (Córdoba, 1978)

Utiliza o disfrace, a maquillaxe e ata a camuflaxe para adquirir outras identidades. A través destas ferramentas puidémola ver caracterizada de múltiples personaxes.

Frías cóntanos a través das súas pezas aquilo que lle preocupa e indigna, facéndonos cuestionar os roles da muller na sociedade actual, reafirmando a posición desta nun mundo de homes e, no seu caso e máis concretamente, no mundo da arte.

Traballa principalmente coa performance e utiliza o vídeo e a fotografía para deixar constancia das accións efémeras. Desde hai algo máis de 4 anos válese de ferramentas coma Facebook para propoñer obras colectivas, nas que pide a participación aberta e libre.

Das súas obras sempre se desprende un toque de humor malandro que as caracteriza. Traballadora incansable, di que aínda que lle falten os dentes seguirá dando guerra.

Galería de imaxes