Árbores senlleiras

TAXODIO do xardín de Artime

  • Especie: Taxodium distichum (L.) Rich.
  • Familia: Taxodiaceae
  • Localizacion natural: sueste dos Estados Unidos
  • Idade: entre 125 e 150 anos
  • Porte: 31,5 m
  • Tronco: 6,05 m
  • Copa: 15,6 m (15,5 x 14,6 m)
  •  
  • Concello: Vilagarcía de Arousa
  • Parroquia: Vilagarcía de Arousa
  • Lugar: Vilagarcía de Arousa
  • Altitude: nivel do mar
  • Coordenadas: 42.606438, -8.766432
  •  
  • Propietaria/o: herdeiros de Martínez de Ourense
  • Historia
  • É unha das poucas coníferas de folla caduca, o que fai que durante o inverno pareza morta. Ten raíces aéreas chamadas neumatóforos que saen á superficie para oxixenarse, co que lle dan un aspecto estraño ao terreo onde medra.

    Ramón Pérez Santamarina adquiriu no ano 1796 o terreo, que chega ata o mar, e instalou unha fábrica de curtidos. No segundo cuarto do século XIX herdouna a súa filla, casada con Benigno Artime, que realizou o primeiro proxecto de xardinaxe en torno á casa no terceiro cuarto deste século. A finais do XIX restaurouse e mellorouse por orde de Joaquín Martínez García. Suponse que a plantación do taxodio aconteceu nesa época, polo que a idade da árbore monumental vai camiño do século e medio. A conífera fíxose coñecida a través do libro de Rafael Areses Vidal (1953) sobre parques e xardíns pontevedreses.

  • Entorno
  • O xardín de Artime foi un proxecto de grandes pretensións, en fase decadente desde hai décadas, desenvolvido ao redor da fábrica de curtidos. O proxecto perdeu os seus valores arquitectónicos e estruturais e o arboredo salvouse do esquecemento e o abandono pola súa autonomía. O singular taxodio aparece ao fondo do paseo arborado central, de magnolias e camelias, fronte ao edificio residencial.

Localización