Árbores senlleiras

SOBREIRAS da Magdalena

  • Especie: Quercus suber L.
  • Familia: Fagaceae
  • Localizacion natural: sur de Europa e norte de África
  • Porte: 14 m (copas entrelazadas)
  •  
  • Concello: O Rosal
  • Parroquia: San Bartolomeu das Eiras
  • Lugar: Monte Madalena, Eiras
  • Coordenadas: 41.92932, -8.78302
  •  
  • Propietaria/o: Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Eiras
  • Historia
  • Hai quen sostén que a capela está situada nun antigo altar pertencente á cultura castrexa. O que certamente está acreditado é que esta xa se menciona en documentos do século XII como pertencente ao mosteiro de Oia e que o monte serviu de emprazamento de pezas de artillería nas guerras con Portugal.
    Toda a zona, e singularmente o monte da Magdalena, foi obxecto de estudo e nela atopáronse restos castrexos (das culturas anchelense e camposanquiense). Así se menciona en Noticias de arqueología gallega de Pedro Díaz Álvarez (edicións Monterrey, 1958), páx. 17 e seguintes.
    Tanto o castro coma a ermida están recollidos no Inventario xeral do patrimonio cultural de Galicia (Xunta de Galicia).
    As corticeiras/sobreiras e a capela foron pintadas por Antonio Fernández, quen na súa persoal interpretación do lugar alterou a situación das árbores. Descoñécese a data exacta da obra pero áchanse referencias no libro Pintura de Antonio Fernández, de Eliseo Alonso (edición patrocinada polo Museo Provincial de Lugo, 1957).
    Tamén foron obxecto de atención do pintor Xavier Pousa, que en 1972 as plasmou nun óleo (http://xavierpousa.org/?sec=22&idcuadro=2156&lang=es). Por outra banda, a localidade das Eiras é unha das máis antigas de toda a comarca, aparecendo xa en mapas do século XII co nome de San Bartol de Las Heras.

  • Entorno
  • As sobreiras atópanse na parcela 1057 do polígono 69, nas Eiras, O Rosal, na cima do monte chamado da Magdalena. Sitúanse case no cumio e poden observarse tanto desde abaixo, desde o camiño e aparcadoiro, coma á altura das copas, se se sobe ao recinto da capela. Unha delas, a máis grande, está mesmo no bordo do terraplén da parte norte da parcela. O conxunto ocupa case a totalidade dos laterais norte e oeste e circunda unha plataforma ao pé da capela. A parcela mencionada é propiedade na súa totalidade da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común das Eiras e está rodeada por completo por un camiño municipal asfaltado pola cara norte e parcialmente polo leste do monte.

    Accesos: pódese acceder desde o centro da localidade, a partir da igrexa por unha pista asfaltada, ou desde outros puntos, aproveitando a rede de camiños municipais, todos asfaltados. Tamén se pode chegar partindo do lugar de Pontellón, desde a estrada Tui-A Guarda, no límite entre os municipios do Rosal e Tomiño. Como alternativa, pódese chegar tamén por unha pista forestal en bo estado desde A Portela, no alto de San Xoán de Tabagón, pasando polo petróglifo do Ghorghalado. Desde o camiño que rodea o conxunto ata a plataforma onde se sitúan as árbores pódese subir por unha rampla de terra na que asoman raíces das propias sobreiras.

Localización