Árbores senlleiras

OMBÚ do IES do Castro

  • Especie: Phytolacca dioica L.
  • Familia: Phytolaccaceae
  • Localizacion natural: Arxentina, Uruguai e sur de Brasil
  • Idade: 100 anos
  • Porte: entre 9 e 10 m
  • Tronco: 9,5 m
  • Copa: 18,4 x 18,10 m
  •  
  • Concello: Vigo
  • Parroquia: Vigo
  • Lugar: monte do Castro
  • Coordenadas: 42.228020, -8.725657
  •  
  • Propietaria/o: IES do Castro
  • Historia
  • A árbore descubriuse cando se levaban a cabo os traballos de urbanización e construción do instituto. A súa aparición condicionou o desenvolvemento da obra, xa que os técnicos sacrificaron parte do proxecto para protexer a árbore.

    Desde o primeiro momento o ombú foi un sinal de identidade para este centro.

    No ano 2012 iniciáronse os trámites da petición da súa catalogación como árbore senlleira, pero a Consellería de Medio Ambiente denegouna. Durante os seguintes anos a comunidade educativa do IES do Castro mantivo a petición e optaron por presentar unha nova solicitude cunha memoria explicativa, ademais de levar a cabo unha recollida de firmas e unha busca de apoios de escritores como Manuel Rivas e Luís G. Tosar, ademais do representante do consulado da Arxentina en Vigo.

    Da súa procedencia dise que foi un indiano quen o trouxo da Arxentina a finais do século XIX; de aí o simbolismo que encerra desde o punto de vista histórico e cultural.

    Son moitas as actividades que se desenvolven baixo a súa sombra: clases ao aire libre, recitais de poesía e fotografías de grupo de todas as promocións do instituto. É tamén un lugar de lecer e a revista editada polo centro leva o seu nome.

    No ano 2017 publicouse no DOG do 1 de xuño a súa inclusión no Catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia, polo que se conclúe que a árbore é merecente das medidas de protección que supoñen pertencer a este catálogo. Quedan así recoñecidas as súas excepcionais características (porte, dendrometría, significación cultural e interese científico e educativo) grazas á posta en valor que levaron a cabo desde este centro vigués ata conseguir a súa inclusión.

    Na Cidade Olívica ocupa o sétimo lugar dentro do catálogo; non obstante, é o primeiro da súa especie na provincia de Pontevedra e o terceiro de Galicia.

  • Entorno
  • O IES do Castro (1993) foi o derradeiro centro de ensinanza en construírse no centro da cidade aínda que inclúe a árbore máis antiga. Está situado nun lugar excepcional desde o punto de vista medioambiental e paisaxístico, nun punto de acceso ao parque municipal do monte do Castro, no que existe unha variedade extraordinaria de especies vexetais.

    O exemplar é o único da súa especie na contorna, nun xardín ben coidado no que dispón de espazo suficiente para seguir medrando xunto a outras especies que foron catalogadas, documentadas e incluídas nunha guía levada a cabo polo propio alumnado do centro.

Localización