Árbores senlleiras

METASEQUOIA do pazo de Lourizán

  • Especie: Metasequoia glyptostroboides Hu & W. C. Cheng
  • Familia: Taxodiaceae
  • Idade: entre 40 e 60 anos
  • Porte: 33,20 m
  • Tronco: 2,54 m
  • Copa: 11,7 m
  •  
  • Concello: Pontevedra
  • Parroquia: Lourizán
  • Lugar: Pontevedra
  • Altitude: 40 m s. n. m.
  • Coordenadas: 42.409044, -8.664605
  •  
  • Propietaria/o: Deputación de Pontevedra
  • Historia
  • O pazo de Lourizán atópase na vertente norte do macizo do Morrazo, ao fondo da ría de Pontevedra, entre as poboacións de Pontevedra e Marín. As orixes da propiedade remóntanse ao século XV cando esta aínda era unha granxa. No século XIX a leira é adquirida polo político Montero Ríos, quen a converte na súa residencia de verán e tamén nun importante foro de reunión das personalidades máis influentes do momento.

    O pazo conta con 54 hectáreas de xardín, leira e arboredo. Posúe un importante xardín botánico, con especies exóticas e autóctonas, creado en 1949 baixo a denominación de Arboreto, que reúne especies plantadas no xardín desde o século XIX ata a actualidade.

    A súa idade, maxestade, dendrometría e excelente arquitectura converten a metasequoia de Lourizán, o exemplar máis antigo de Galicia, en único.

    A monumentalidade do exemplar está tamén unida á rareza e ao interese botánico desta especie, considerada extinta ata o ano 1941, cando se atoparon varios exemplares no sueste da China. Por iso, aínda que ten algo máis de medio século de vida, a súa presenza en Europa é moi rara.

  • Entorno
  • Atópase no noiro inferior da mesa de pedra, ao lado do muíño, xunto ao pazo.

    É visible á dereita desde a avenida de entrada, pouco antes de chegar ao edificio.

Localización