Árbores senlleiras

MAGNOLIAS GRANDIFLORAS do pazo de Rubianes

  • Especie: Magnolia grandiflora L.
  • Familia: Magnoliaceae
  • Localizacion natural: sueste de Estados Unidos
  • Idade: entre 150 e 200 anos
  • Porte: 18,9 m e 19 m
  • Tronco: 5,20 m e 4,50 m
  • Copa: 19,10 m (20 x 16 m) e 18 m (18 x 18 m)
  •  
  • Concello: Vilagarcía de Arousa
  • Parroquia: Vilagarcía de Arousa
  • Lugar: A Feira Nova
  • Altitude: 70 m s. n. m.
  • Coordenadas: 42.578261, -8.733275
  •  
  • Propietaria/o: marquesa de Rubianes
  • Historia
  • En Vilagarcía de Arousa hai noticias da posible presenza da Magnolia grandiflora desde principios do século XIX. De ser así, o exemplar de maior grosor de fuste, pola perimetría alcanzada, podería pertencer a este tempo, mentres que o outro chegaría con posterioridade. Sexa como for, a parella, considerada como un dos conxuntos máis sublimes do país, permite constatar as excelentes posibilidades desta especie fóra da súa área de distribución natural.

    Neste pazo sitúase a orixe da cidade de Vilagarcía. O seu dono, D. Ruy Fernández de Caamaño, recíbeo en 1390 como feudo de mans do arzobispo D. Xoan García Manrique: "Santa Baya de Arealonga (actual Vilagarcía), San Pedro de Cornazo, Santa María de Rubiáns, San Esteban de Sayar y Santa Baya de Nantes, todas en tierras del Salnés...", "por cuanto fuere cortés e obediente vassallo...". D. Ruy decidiu reconstruír na freguesía de Santa María de Rubiáns unha vella torre, que estaba habitada en 1146 por D. Ruy García de Caamaño, antepasado seu, engrandecéndoa e fixando nela a súa residencia, segundo consta nunha inscrición sobre unha pedra que estaba situada na parede da torre e que aínda se conserva no actual pazo de Rubiáns. Nela pódese ler: "Fizo Fernández de Caamaño anno de 1411". En 1440 marcha D. Ruy para acompañar o rei Xoan II de Castela na batalla de Olmedo e deixa como señor das súas posesións ao seu segundo fillo, D. García de Caamaño, que o 12 de maio de 1441 fundaría "o meu lugar e porto de Vila-García."

  • Entorno
  • O pazo de Rubiáns (de 46 ha) é unha das propiedades señoriais máis senlleiras de Galicia, cunha magnífica construción e espléndidos xardíns. Un magnolio, o de menor grosor de tronco, localízase diante da fachada principal do pazo, ocultando parcialmente a súa artística factura; o outro está preto, no xardín do estanque, próximo á fermosa fachada lateral do noroeste.

Localización