Árbores senlleiras

CARBALLO do Pelete

  • Especie: Quercus robur L.
  • Familia: Fagaceae
  • Localizacion natural: Europa, Asia Menor e norte de África
  • Idade: máis de 500 anos
  • Porte: 15,30 m
  • Tronco: 7,30 m
  • Copa: 16,5 m (17 x 16 m)
  •  
  • Concello: A Lama
  • Parroquia: Covelo
  • Lugar: O Pelete
  • Altitude: 590 m s. n. m.
  • Coordenadas: 42.435520, -8.386454
  •  
  • Propietaria/o: Concello da Lama e parroquia de San Sebastián de Covelo
  • Historia
  • É costume regar o seu tronco con viño o 7 de setembro con motivo da festividade da Virxe dos Remedios. Trala bendición do cura, o mordomo ou o presidente da comisión de festas abren as pipas de viño na adega da casa da Santa e bótanlle a primeira xerra á árbore. Despois de beber, os festeiros dan voltas ao redor e tíranlle máis viño, abrazándose uns aos outros.

    A Festa do Viño do Pelete celébrase desde o ano 1650. Resulta curioso que, sendo O Pelete un lugar onde non se produce viño, se homenaxee desde hai catrocentos anos este prezado líquido. No século XVII os arrieiros percorrían a xeografía galega con recuas e carros. Un dos produtos máis valorados era o viño procedente do Ribeiro, en Ourense, única provincia galega sen saída ao mar. Conta a lenda que, pasando polo Pelete, o fillo dun arrieiro foi couceado por unha mula, con tan mala fortuna que quedou moi malferido.

    O pai acudiu pedirlle amparo á Virxe dos Remedios, que é a patroa da parroquia, e o mozo sandou das feridas. O pai cumpriu a promesa de levarlle cada ano á Virxe una pipa do mellor viño, ofrecéndolles o primeiro trago en eterno agradecemento ás raíces do carballo, cuxas pólas acubillaron o fillo ferido.

    Aínda que non se libre de recortes, tratamentos e defoliacións, o seu aspecto é bo para a idade que ten, porque segundo din as veciñas e veciños, "séntalle ben o viño".

  • Entorno
  • O Pelete é unha pequena entidade de poboación da xeografía montañesa de Pontevedra. Na praza pública destacan a capela, a casa da fundación e a casa da Santa (Virxe dos Remedios). O carballo localízase no lateral desta casa, que mira ao nacente, nas proximidades do templo eclesiástico.

Localización